A Xunta licita por preto de 330.000 euros as obras de mellora da seguridade na estrada PO-315 ao seu paso pola parroquia de Beluso, no concello de Bueu

A actuación suporá un investimento da Xunta de 340.000 €, incluíndo o pagamento dos 8 predios necesarios para a súa execución, que se acometerá en 2023
 

O obxectivo é a construción dunha beirarrúa pola marxe esquerda desta vía autonómica, nun treito duns 600 metros que conectará as beirarrúas existentes nos núcleos da Achadiza e da rúa Nova de Abaixo
 

Ampliarase a plataforma deste tramo da PO-315 e habilitaranse paradas de autobús con refuxio en ambas as dúas marxes á altura do quilómetro 2+500
 

Tamén se mellorará a drenaxe da estrada, modernizaranse os servizos, renovarase a capa de rodaxe nas zonas deterioradas e procederase á estabilización dun noiro
 

As empresas interesadas en acometer a actuación, cun prazo de execución de 6 meses, terán ata o vindeiro 12 de decembro para presentar as súas ofertas

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe por importe de 327.617 euros as obras de mellora da seguridade viaria e da mobilidade na estrada autonómica PO-315, ao seu paso pola parroquia de Beluso, no concello de Bueu.

 

 

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe o inicio desta contratación, á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 12 de decembro. Os traballos contan cun prazo de execución de 6 meses

 

A Xunta destinará un investimento total de 340.000 euros, incluíndo o pagamento dos 8 predios necesarios, para a execución da intervención. A previsión é convocar o levantamento de actas previas das expropiacións no último trimestre deste ano, para a súa execución no ano 2023.

 

O obxectivo desta actuación é a construción dunha beirarrúa de formigón dunha anchura de dous metros pola marxe esquerda da PO-315 nun treito duns 600 metros de lonxitude, que conectará as beirarrúas existentes nos núcleos da Achadiza e da rúa Nova de Abaixo, entre os puntos quilométricos 2+150 e 2+750.

 

Así mesmo, ampliarase a plataforma da estrada e instalaranse paras de autobús con refuxios en ambos os laterais da vía, á altura do punto 2+500.

 

Os traballos incluirán a mellora da drenaxe e a adecuación e modernización dos servizos existentes nese treito, ademais da renovación da capa de rodaxe naquelas zonas da estrada que teñan o firme deteriorado.

 

Tamén se procederá á estabilización do noiro de desmonte existente na curva entre os puntos quilométricos 2+580 e 2+660. Actualmente o noiro ten unha pendente moi vertical e proxéctase a escavación necesaria para actuar nel e que sexa así máis estable.

 

As actuacións financiaranse con fondos europeos REACT-EU, de resposta fronte á pandemia da covid-19.

 

 

Esta nova actuación no concello de Bueu dá continuidade aos proxectos de reforzo da seguridade viaria e de acondicionamento de espazos peonís impulsados pola Xunta neste municipio do Morrazo.

Imaxes relacionadas