A Xunta adxudica por 48.000 euros as obras de renovación da estación de bombeo de auga para a mellora do abastecemento do concello de Oímbra

O obxectivo é dotar dun correcto servizo de abastecemento aos veciños, resolvendo as deficiencias da estación de captación e bombeo, que ocasionan frecuentes avarías que provocan a interrupción da subministración

Renovaranse en distintos núcleos as tubaxes de aspiración, actualmente soterradas e construirase un foso desde a caseta de bombeo ata o pozo de captación, facilitando a reparación de avarías

Modernizarase o grupo de bombeo, que chegou ao final da súa vida útil, instalando un novo grupo electrobomba

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou as obras de mellora da estación de bombeo de auga do abastecemento do concello de Oímbra.

 

O contrato, que foi adxudicado á empresa Vipeca Obras y Servicios S.L., supón un investimento autonómico de 48.000 euros. Os traballos contan cun prazo de 4 meses.

 

O obxectivo é executar as obras necesarias para mellorar a estación de captación e bombeo de auga para abastecemento do municipio de Oímbra, que sofre de varias deficiencias que ocasionan frecuentes avarías, o que redunda nun deficiente servizo aos usuarios que vén interrompido a subministración de auga.

 

As actuacións que se executarán baixo este contrato comezarán pola renovación en distintos núcleos do municipio das tubaxes de aspiración e a construción dun foso desde a caseta de bombeo da estación ata o pozo de captación. As tubaxes están soterradas e para reparar as avarías que se producen hai que desenterralas.

 

Mediante esta intervención da Xunta, renovarase o grupo de bombeo, que chegou ao final da súa vida útil. Deste xeito, procederase á colocación dun novo grupo electrobomba formado por dúas bombas centrífugas horizontais de funcionamento alternativo, con motor de indución pechado e autoventilado, apto para traballo continuo.

 

Tamén se actuará no recinto das instalacións, que está actualmente pechado con valado metálico e ten o chan en terra, o que facilita o crecemento de maleza, que debe eliminarse con certa frecuencia, incrementando os gastos de mantemento. Ademais, prodúcense encharcamentos pola choiva, que resultan molestos para os operarios municipais nas súas tarefas de mantemento nas instalacións.

 

Para resolver estes problemas, os traballos contratados inclúen tamén a renovación da carpintería metálica de xanelas da caseta de bombeo e a mellora do firme do recinto.

 

A Xunta continúa colaborando cos concellos para que poidan prestar de modo eficiente as súas competencias de saneamento, abastecemento e depuración.