A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou nun almorzo informativo organizado por Ageinco

Ángeles Vázquez expón a planificación da consellería en materia lexislativa e orzamentaria para aproveitar ao máximo os fondos europeos

A conselleira insiste en que non podemos correr o risco de perder a oportunidade que supoñen estes fondos para modernizar e dar músculo ao noso tecido produtivo

Vigo, 15 de novembro de 2022

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, expuxo hoxe a planificación do seu departamento en materia lexislativa e orzamentaria para aproveitar ao máximo os fondos europeos durante un almorzo informativo organizado pola Asociación Clúster de Empresas de Enxeñería, Consultoría e Servizos Tecnolóxicos de Galicia (Ageinco).

 

Logo de convidar ao sector da enxeñería a colaborar coa Xunta neste eido, a conselleira incidiu en que en 2023 o Goberno galego seguirá avanzando na folla de ruta que supón o Pacto Social pola Vivenda 2021-2025 e, así, o orzamento do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) incrementará o seu orzamento un 13,8% con respecto ao presente exercicio ata acadar os 140,7 millóns de euros.

 

Con este financiamento a Xunta non só promoverá a construción de vivendas protexidas, senón que tamén avanzará na urbanización de solo residencial e, segundo salientou Ángeles Vázquez, “manteremos o impulso dado á recuperación do xa construído” coa adquisición e rehabilitación de inmobles para ampliar o parque de vivendas da Comunidade.

 

A maiores, a conselleira insistiu en que “non podemos correr o risco de perder a oportunidade que son os fondos europeos para modernizar e dar músculo ao noso tecido produtivo”. E, nesa liña, puxo en valor a recente entrada en vigor da Lei de áreas empresariais de Galicia, cuxo obxectivo fundamental é “axilizar, simplificar e flexibilizar a planificación e creación de solo industrial”.

 

De feito, a Xunta seguirá ofrecendo as maiores facilidades ás empresas e destinará preto de 35,4 millóns de euros a impulsar novas actuacións de solo industrial, ademais de manter as bonificacións do 50% ou 30% que, desde 2015, aplica na venta de parcelas nas áreas empresariais da súa propiedade.

 

A conselleira concluíu aseverando que 2023 será un ano clave para as políticas de vivenda, medio ambiente e territorio para que Galicia siga sendo un importante motor na recuperación social e económica.

Imaxes relacionadas