A Xunta destaca o papel da innovación no ámbito da seguridade e a capacidade das empresas e centros de coñecemento da comunidade

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe en Pontevedra na inauguración do “IX Congreso Nacional de I+D en Defensa e Seguridade”


A nova Estratexia de Especialización Intelixente RIS3 mobilizará máis de 5.000 millóns ata 2027


Villanueva puxo en valor a colaboración e coordinación do Exército coa Xunta en actuacións como a loita contra os incendios forestais
 

Pontevedra, 15 de novembro de 2022

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe no IX Congreso Nacional de I+D en Defensa e Seguridade que se celebra esta semana na base General Morillo do Exército de Terra en Pontevedra. Este foro organizado polo Ministerio de Defensa ten como obxectivo crear un espazo de intercambio de coñecementos a nivel nacional entre os axentes implicados na innovación en materia defensa e seguridade. Deste xeito, abordaranse asuntos como a oportunidade que supón os fondos europeos para avanzar en I+D, así como a aplicación das tecnoloxías emerxentes nestes sectores.

 

Neste sentido, Santiago Villanueva destacou o papel determinante da innovación e o coñecemento para facer fronte con máis garantías aos novos retos que se presentan no eido da seguridade, ademais das altas capacidades dos distintos centros de coñecemento galegos aos que o Goberno galego apoia no seu funcionamento para que poidan incrementar a súa competitividade.

 

Puxo como exemplos de sectores punteiros que contan con apoio da Xunta como o aeroespacial, a tecnoloxía cuántica, a intelixencia artificial ou a biotecnoloxía. En concreto, con medidas como a alianza con Airbus, Babcock e Telespazio como socios do Polo Aeroespacial de Galicia; ou o novo supercomputador do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) Finisterrae III, que será fundamental na posta en marcha do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia.


Neste contexto, Villanueva referiuse tamén ao sector naval cun importante investimento no estaleiro de Navantia co obxectivo de promover a súa automatización e a robotización mediante
 un Centro Mixto de Investigación. Nela colaboran coa Axencia Galega de Innovación da Xunta, o estaleiro público  e a Universidade da Coruña.

 

Na súa intervención, o director xeral de Emerxencias e Interior lembrou que a Administración autonómica conta coa Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), o marco que recolle todas as políticas de impulso á innovación e que nos vindeiros cinco anos mobilizará un investimento público-privado de 5.000 millóns de euros. Esta nova folla de ruta ten como prioridades a sustentabilidade e a dixitalización e as persoas, tal e como asegurou o director xeral de Emerxencias e Interior, contribuirá a impulsar a marca Galicia desde o ámbito de I+D+i.

 

Ademais, a través da anterior RIS3 para o período 2014-2020 outorgáronse 6.700 axudas mobilizando 1.900 millóns de euros poñendo o foco en fortalecer a industria galega. Grazas ao esforzo destes anos, o investimento en I+D na comunidade medrou un 34,4%, máis de 10 puntos por riba da media nacional.

 

Por outra banda, a Administración autonómica pon en valor a colaboración e coordinación das Forzas Armadas e, en concreto a Brigada Galicia VII Brilat e Unidade Militar de Emerxencias (UME), tanto coas forzas e corpos de seguridade como cos servizos de emerxencias da comunidade. Así, por exemplo, cada ano colaboran coa Xunta na loita contra os incendios forestais en tarefas de prevención e vixilancia nos montes galegos.