Sodiga Galicia alcanza os 50 anos de traxectoria como ferramenta clave para impulsar o tecido empresarial e industrial galego

A sociedade, constituída o 14 de novembro de 1972, ten por obxecto o apoio a iniciativas empresariais e industriais que contribúan ao desenvolvemento económico da Comunidade, a través de participacións no capital ou mediante préstamos


Ao longo do seu medio século de existencia participou en múltiples proxectos de sectores como o industrial, o naval, o vitivinícola, a pedra natural ou a enerxía
 

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2022

A sociedade de capital risco Sodiga Galicia alcanza os 50 anos de traxectoria como ferramenta clave para impulsar o tecido industrial galego, apoiando a iniciativas empresariais con alto potencial de crecemento e que contribúen ao desenvolvemento económico da Comunidade. Este apoio formalízase fundamentalmente a través de participacións no capital das empresas, e tamén mediante préstamos.

 

A sociedade foi constituída co nome de Sociedade para o desenvolvemento industrial de Galicia o 14 de novembro de 1972, por parte do Instituto Nacional de Industria (INI) cun 51%, e das caixas de aforro de Galicia, o Banco Pastor e o Banco de Bilbao. No ano 1995 formalizouse a adquisición por parte da Xunta de Galicia do capital previamente titularidade do INI. Na actualidade, un 76% do capital de Sodiga Galicia concéntrase en mans da Administración autonómica, mentres que o resto se reparte entre Abanca, BBVA e Banco Santander.

 

Sodiga, xestionada desde o ano 1999 por XesGalicia, participou ao longo do seu medio século de existencia en multitude de proxectos e iniciativas de sectores estratéxicos como o industrial, o naval, o vitivinícola, a pedra natural, a enerxía ou as sociedades de garantía recíproca. Para celebrar o 50º aniversario desta sociedade, iniciarase un conxunto de actividades divulgativas e conmemorativas durante os vindeiros meses.