O Porto de Miami atende a proposta da Xunta e estudará a creación dunha conexión directa entre Florida e Galicia para o tráfico de mercadorías

Conde afirma que Galicia ten no Porto de Miami o mellor exemplo á hora de impulsar a capacidade loxística dos portos internacionais galegos, así como para atraer novos operadores de cruceiros

Un dos motivos para establecer novas liñas de mercancías entre Galicia e EE.UU radica en que a maior parte da produción de pneumáticos que Sentury prevé fabricar na futura planta que estudia implantar as Pontes serán para exportar ao mercado estadounidense vía Miami

Destaca que poder formar parte dos moitos expositores que participan cada ano nas feiras que organiza o World Trade Center sería o mellor escaparate da marca Galicia Calidade en EE.UU
 

Miami (EEUU), 15 de novembro de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou a pasada tarde a sede do Porto de Miami, onde foi recibido polo director de operacións, Andrew C. Hecker. Alí, destacou o traballo da Xunta por seguir facilitando o intercambio mutuo entre Galicia e Estados Unidos e avanzou a disposición da Autoridade Portuaria de estudar a creación dunha conexión directa entre Florida e Galicia para o tráfico de mercadorías.

 

Conde avogou por explorar a través do Porto de Miami novas liñas de mercancías entre Galicia e EE.UU, tendo en conta que arredor do 15% das exportacións proveñen de Europa. En parte, o interese radica en que a maior parte da produción de pneumáticos que Sentury prevé fabricar na futura planta que estudia implantar as Pontes serán para exportar ao mercado estadounidense vía Miami, en torno a 10 millóns de unidades.

 

“Hai un interese por parte de Galicia de establecer unha liña directa co porto de Miami para que as empresas galegas teñan unha canle estable de exportacións no mercado estadounidense e latinoamericano”, abondou Conde, que estivo acompañado na xuntanza por Rafael Sabucedo, en representación do Clúster da Función Loxística de Galicia.

 

O vicepresidente económico lembrou que o Porto de Miami xa ten “unha relación importante” coas autoridades portuarias de Vigo, A Coruña e Ferrol. E, nese sentido, adiantou que na xuntanza tamén se avaliou a posibilidade de promover unha visita a Galicia.

 

Florida é o terceiro clúster loxístico e de distribución máis importante do país, enlace entre Latinoamérica e o Caribe ao ser o maior exportador cara a estes mercados. Do Porto de Miami, o maior porto de cruceiros do mundo, cabe destacar que ten en marcha un plan estratéxico co que aspira a alcanzar os 10 millóns de pasaxeiros en cruceiros, e a aumentar o número e tamaño das zonas de atraque.

 

Segundo Conde, Galicia ten no Porto de Miami o mellor exemplo á hora de facer que os portos galegos sigan sendo unha escala de referencia dos cruceiros que chegan a Europa. Tamén para impulsar a capacidade loxística dos portos internacionais galegos e, no caso de Vigo, un dos primeiros peiraos pesqueiros do mundo e cabeceira da autopista do mar europea. Florida é un dos estados con menores custos á hora de establecer unha empresa de loxística ou de distribución. E iso tamén vai na liña da Xunta de ofrecer incentivos fiscais ás empresas para captar investimentos, como así se está a facer a través dos Concellos Emprendedores e dunha política de bonificacións para o acceso ao solo industrial.

 

Nese contexto, Conde puxo de manifesto a vontade da Xunta de continuar co esforzo dos últimos anos no sector turístico e das infraestruturas para atraer novos investimentos e novos operadores aproveitando a localización privilexiada de Galicia.

 
World Trade Center

Por outra banda, a pasada tarde Conde tamén se reuniu co presidente do World Trade Center de Miami, Iván Barrios. Trátase dunha organización sen ánimo de lucro, membro da Asociación Mundial de Centros de Comercio, que busca posicionar Miami como epicentro do comercio mundial a través de feiras, misións e eventos especiais. Unha das máis importantes é a Americas Food and Beverage Show and Conference, que se vai volver convocar en setembro de 2023. A edición deste ano, conseguiu unha asistencia récord ao participar en torno a 4700 produtores, compradores e axentes da industria da alimentación e das bebidas.

 

Nesta liña, na xuntanza o vicepresidente económico amosou o interese de Galicia por que o sector da alimentación poida participar nesta feira. É unha industria que representa o 10% do PIB de Galicia, abrangue 2.600 empresas, a maioría, con presenza internacional, e xera máis de 100.000 empregos.

 

Polo tanto, segundo concluíu Conde, poder formar parte dos moitos expositores que participan cada ano nas feiras que organiza o World Trade Center sería o mellor escaparate da marca Galicia Calidade en Miami.

Imaxes relacionadas