O Sergas publica o nomeamento dos aspirantes seleccionados no proceso selectivo de persoal de servizos xerais na quenda de acceso reservada a persoas que acrediten discapacidade intelectual

Con esta publicación declárase finalizado o concurso-oposición coa incorporación de 9 profesionais desta categoría ao servizo activo no ámbito da atención primaria

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2022 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe o nomeamento dos aspirantes seleccionados trala resolución definitiva do proceso selectivo convocado por Resolución do 30 de setembro de 2019 para o ingreso na categoría de persoal de servizos xerais, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual.

Os aspirantes nomeados disporán do prazo dun mes, a contar desde o día seguinte ao da publicación desta Resolución no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse á praza adxudicada. O prazo finaliza o 14 de decembro próximo.

A falta de incorporación no prazo referido, cando sexa imputable ao interesado e non responda a causas xustificadas, producirá o decaemento do seu dereito a obter a condición de persoal estatutario fixo como consecuencia do concreto proceso selectivo. Non entanto, en casos de forza maior, e por instancia do interesado, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde poderá prorrogar o prazo de toma de posesión.

Procesos selectivos para persoas que acrediten discapacidade intelectual

O Servizo Galego de Saúde comezou no ano 2018 coa convocatoria de procesos selectivos para o ingreso como persoal estatutario fixo de persoas que acrediten unha discapacidade intelectual.

A primeira categoría con prazas reservadas para dita quenda de acceso foi a de celador, con 30 prazas convocadas no ano 2018 e que foi resolto definitivamente no ano 2020.

Posteriormente, no ano 2019, convocouse proceso selectivo para o ingreso na categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermería (39 prazas) resolto definitivamente no ano 2021, e o de persoal de servizos xerais (9 prazas).

No ano 2021 convocáronse os procesos selectivos para o acceso ás categorías de pinche (39 prazas) e técnico en farmacia (10 prazas) tamén pola quenda de discapacidade intelectual, procesos que están actualmente na fase de concurso.

Esta quenda de acceso diferenciada presenta as pertinentes adaptacións de temarios e tempo de realización das probas que permiten a concorrencia destes aspirantes en condicións de igualdade ao emprego público, facilitando así a súa integración laboral.

O Servizo Galego de Saúde asinou convenios de colaboración coas entidades FADEMGA Plena Inclusión, DOWN Galicia e Aspace Galicia coa finalidade de adaptar as probas selectivas as características destes aspirantes e facilitar o seu acceso ao emprego público.