A Xunta detecta dúas gaivotas afectadas por gripe aviaria

Os novos casos positivos corresponden a dous individuos recollidos no encoro de Vilagudín, na localidade coruñesa de Cerceda
 

Foron trasladados ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en Oleiros
 

A detección realizouse no marco do Plan de vixilancia da influenza aviaria que desenvolve o Goberno galego

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2022 A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de dous exemplares de gaivota afectados por influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP), confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid). Ao tratarse de dous individuos detectados na mesma localización -no encoro de Vilagudín da localidade coruñesa de Cerceda- considéranse un único foco notificable polo que se elevarían a 22 o total de focos reportados desde Galicia.

 

Trátase de dúas gaivotas patiamarillas (Larus michahellis) que foron achadas enfermas no marco do Plan de vixilancia da influenza aviaria que desenvolve a Xunta de Galicia. Tras seren localizadas, foron trasladadas ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros, onde se realizou a toma de mostras de ambos animais seguindo o protocolo establecido entre a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. As aves faleceron e os seus cadáveres foron eliminados de acordo aos procedementos de xestión autorizados.

 

Este non é o primeiro caso detectado en 2022 de gaivotas infectadas polo virus da Influenza Aviaria de Alta Patoxenicidade en aves silvestres en España. Ata a data, no presente ano, constan notificados no noso país 133 casos en aves silvestres, tanto migratorias como residentes, e pertencentes a distintos hábitats e especies: anátidas como parrulos, cercetas ou gansos, aves de presa como falcóns ou miñatos e outras especies de distintas familias de aves como garzas, cegoñas pombas, voitres leonados, quebraosos ou outra gaivota na provincia de Palencia.

 

Cómpre sinalar que durante o presente ano 2022, un total de 13 das 17 comunidades autónomas notificaron algún caso de gripe aviaria en aves silvestres das que o mascato continúa, polo de agora, a ser a especie de máis frecuente detección nos últimos meses, con casos notificados, ademais de en Galicia, nas comunidades do litoral cantábrico ou atlántico, como Asturias, Cantabria, País Vasco e Andalucía.

 

Cómpre lembrar que o virus circulante non ten capacidade significativa de infección nas persoas aínda que, por un principio de bioseguridade básica, recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e notificar o feito aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

 
A Consellería do Medio Rural continúa aplicando o programa de vixilancia desta enfermidade e recorda a necesidade de reforzar as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, comerciais ou particulares, especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como de intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres, notificando a sospeita aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.