O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe na xornada Galicia en clave económica, primeiro acto na axenda da misión comercial a Miami

A Xunta leva a Miami a aposta que Galicia está facendo pola sustentabilidade e a innovación, con niveis de investimento en máximos históricos

Subliña que, ao igual que Galicia é unha porta a Europa, tamén Miami e Florida comparten esa vocación de ponte cara a EEUU, Latinoamérica e o Caribe


Destaca o sector agroalimentario e o TIC como potenciais ámbitos para consolidar novas oportunidades de negocio


Ata agosto, Galicia xa levaba exportado 532 millóns de euros a EEUU, case o 80% de todas vendas realizadas o ano pasado; un 62,4% máis que nos oito primeiros meses de 2021
 

 Remarca os valores da Marca Galicia: a innovación, a sustentabilidade e a estabilidade institucional
 

Miami (EEUU), 14 de novembro de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, presentou hoxe nun encontro empresarial en Miami a aposta que Galicia está facendo pola sustentabilidade e a innovación, con niveis de investimento público-privado, dixo, en máximos históricos.

A xornada, organizada polo Miami-Dade Beacon Council, é o primeiro acto na axenda desta viaxe na que a Xunta de Galicia vai acompañando a 23 empresas galegas con intereses comerciais en Estados Unidos; un destino que, segundo resaltou, é xa un caso de éxito para as exportacións galegas.

 

Conde salientou que, ata agosto, Galicia xa levaba exportado a EE.UU 532 millóns de euros, case o 80% de todo o exercicio 2021; o que significa un 62,4% máis que nos oito primeiros meses do pasado ano, cando alcanzaba os 328 millóns de euros. Ademais, no que levamos de ano, son un 5,3% máis de empresas, 1132, as que xa están operando no mercado estadounidense.

 

O vicepresidente económico subliñou que, ao igual que Galicia é unha porta a Europa, tamén Miami e Florida comparten esa vocación de ponte cara a EEUU, Latinoamérica e o Caribe. Ambas as dúas economías, dixo, queren ser facilitadoras do investimento e a captación de novos proxectos.

Na misión comercial participan empresas do sector enerxético, o contract, o naval, a loxística, o aeroespacial, o agroalimentario e o TIC. E, ao respecto, Conde fixo fincapé nestes dous últimos como potenciais ámbitos para consolidar novas oportunidades de negocio entre Galicia e Miami.

 

Na súa intervención, o vicepresidente económico resaltou os valores da Marca Galicia: a innovación, a sustentabilidade e a estabilidade institucional.  E destacou que os niveis de investimento público-privado na Comunidade están en niveis de máximos históricos para desenvolver a axenda industrial galega de cara ao 2030.

 

Durante a súa exposición ante o Miami-Dade Beacon Council —co que xa se reuniu este mesmo ano cando visitou Galicia o pasado mes de maio—, e ante empresas galegas que participan na misión comercial e firmas estadounidenses presentes, Conde destacou a carteira de proxectos industriais que se está confeccionando en Galicia. Entre outros, citou unha das maiores fábricas de fibras téxtiles de Europa, con Altri; ou novas plantas do sector biotech da man de multinacionais como Indukern, Zendal ou Lonza.

 

Tamén fixo referencia ao Polo Aeroespacial de Galicia, con novos socios industriais e tecnolóxicos, como Airbus, Babcock e Telespazio, e que dan continuidade ao traballo feito por empresas como Indra e Boeing; á produción de hidróxeno verde, metanol e novos combustibles, con proxectos de Reganosa, EDP e Repsol; á fabricación de estruturas de eólica mariña para os maiores parques do mundo; así como ao compromiso de seguir avanzado no vehículo do futuro, con iniciativas como as de Stellantis ou Showa Denko.

 

Conde concluíu amosando o desexo da Xunta de seguir afianzando as relacións comerciais entre Galicia e Miami e de que a internacionalización da economía galega vaia nunha dobre dirección: cara a mercados como EEUU e ao mesmo tempo captando investimento para Galicia procedente da primeira potencia económica do mundo.

Imaxes relacionadas