A Xunta celebra o recoñecemento ao Fondo Galego de Garantía Agraria pola súa xestión dos fondos comunitarios

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias recibiu a felicitación en Madrid, da man da directora xeral do Fondo Español de Garantía Agraria


 O Fogga é o organismo pagador dos fondos europeos Feaga e Feader e encárgase de xestionar as axudas da solicitude única da Política Agraria Común (PAC), que benefician milleiros de explotacións galegas


Ten desenvolvido a aplicación informática Sicop, que permite unha información clara e estruturada destes pagamentos e que van incorporar varias comunidades autónomas aos seus órganos pagadores mediante un convenio coa Xunta

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2022

O Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) foi recoñecido en Madrid pola súa xestión dos fondos comunitarios. A felicitación foi recollida polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, da man da directora do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), María José Hernández, na reunión que mantivo con representantes dos órganos pagadores das comunidades autónomas.

 

Dentro da Administración autonómica, o Fogga é o organismo pagador do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader), que supoñen centos de millóns de euros para Galicia cada ano. Ademais, encárgase de xestionar as axudas da solicitude única da Política Agraria Común (PAC), que agrupa pagamentos anuais na contorna dos 200 millóns de euros e que benefician milleiros de explotacións galegas. Pola súa parte, o FEGA -dependente do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación- é o órgano estatal que coordina a actuación dos organismos pagadores das comunidades.

 

Entre outros asuntos, na reunión celebrada en Madrid tratáronse os resultados acadados polas comunidades autónomas ante as auditorías da Unión Europea en relación á xestión dos fondos comunitarios que manexan. Nese senso, cabe sinalar que as correccións financeiras a Galicia das autoridades europeas foron moi escasas nos últimos anos, grazas ao bo nivel de xestión e á defensa rigorosa con datos, cifras e lexislación nos casos de diverxencias coas misións comunitarias.

 

Ademais de por esta boa xestión, o Fogga foi felicitado por ter desenvolvido a aplicación informática Sicop, que permite unha información clara e estruturada dos pagamentos Feaga e Feader, coa posibilidade de consultas por beneficiario, tipo de operación, etc. Cómpre destacar que varias comunidades autónomas van incorporar esta aplicación aos seus órganos pagadores, mediante un convenio coa Xunta.

Imaxes relacionadas