A xerencia da área sanitaria de Ferrol actualiza o Plan de Inverno cos profesionais implicados

Trátase dun plan de continxencia que prevé os recursos nos períodos nos que aumenta a demanda asistencial por mor das patoloxías e posibles descompensacións das persoas máis afectadas
 

No período 2022-2023, a convivencia coa pandemia de Covid-19 e o estado de vacinación da poboación xeral e dos profesionais non parece aportar maior complexidade á aplicación do Plan de Inverno respecto a períodos pre-covid
 

Establécense tres niveis de actuación: medidas preventivas, de actuación ante o incremento da demanda de hospitalización, e reforzos de persoal.
 

Dentro das medidas preventivas, a novidade máis salientable é a incorporación dos nenos/as de 6 a 59 meses á campaña de vacinación fronte á gripe
 

A Xerencia subliñou neste encontro o agradecemento ao traballo dos e das profesionais en dar a mellor resposta sanitaria no período invernal

Ferrol,14 de novembro de 2022 Profesionais implicados en diversos ámbitos asistenciais da Área Sanitaria de Ferrol concretaron esta mañá o Plan de Inverno da área sanitaria, e pecharon nunha xuntanza as medidas revisadas e consensuadas estes días nun Plan de continxencia fronte ás descompensacións cardiorrespiratorias que se poden derivar dos cadros catarrais ou gripais, durante este período do ano.

 

Neste acordo, concretáronse medidas preventivas, de actuación ante incremento da demanda de hospitalización e de reforzos de persoal. Así, este plan actualízase, e revísase trala análise do acontecido cada inverno, para poder actuar ante unha situación de aumento de demanda e maior afluencia por mor de descompensacións e afectación cardiorrespiratoria. A Xerencia quere subliñar o agradecemento polo traballo dos e das profesionais que permite mellorar a resposta dos dispositivos da área.

 

Esta planificación invernal elaborase en base á experiencia dos profesionais dos ámbitos máis implicados neste eido, os profesionais facultativos e de enfermería e dos centros de saúde, o persoal de urxencias, de admisión, do 061, e das especialidades como medicina interna, pneumoloxía, microbioloxía, ou medicina preventiva, entre outras.

 

Neste senso, o Plan oriéntase caro o fortalecemento de actuacións de valoración preventiva a tódolos niveis asistenciais (centros de saúde e Complexo Hospitalario) dos pacientes de maior complexidade e maior risco (como os pluripatolóxicos ou pacientes fráxiles), así como a habilitación de dispositivos para o seu manexo e control. Como se dicía, establécense tres niveis de actuación: medidas preventivas, medidas de actuación ante o incremento da demanda de hospitalización, e reforzos de persoal.

 

Prepararse para a demanda

A principal medida preventiva para evitar as complicacións cardiorrespiratorias é a vacinación fronte á gripe que como novidade máis salientable incorpora a nenos e nenas de 6 a 59 meses. Neste ano iniciouse o pasado 10 de outubro, comezando polo persoal de centros sanitarios, farmacias e emerxencias, maiores e traballadores das residentes, a poboación de 85 ou máis anos e como dicíamos nenos e nenas de 6 a 59 meses, seguindo nas seguintes semanas co resto das cohortes de idade e que estará activa ate o 31 de decembro.

 

Outra das cuestións preventivas tratadas é a mellora do control e seguimento dos pacientes diana tanto na atención primaria como na sección de Crónicos de Medicina Interna e outras especialidades. Con isto preténdese unha actuación máis proactiva do sistema sanitario sobre os pacientes máis complexos, anticipando o coñecemento de datos clínicos que puidera estar a indicar descompensacións cardiorrespiratorias nestes pacientes.

 

Organización dos recursos

Entre as medidas de actuación destaca a revisión e optimización diaria de tódolos recursos dispoñibles (adecuación de illamentos, ocupación de camas individuais, ocupación de plantas). Revísase sistematicamente tamén a ocupación dos distintos Servizos como os estudos complementarios de pacientes hospitalizados, e estase en contacto con servizos de alta ocupación relacionada coa patoloxía invernal.

 

Así mesmo, entre as medidas tratadas atópase a dispoñibilidade de camas que se poderían habilitar se as necesidades o van requirindo; e o equilibrio constante entre a actividade cirúrxica ordinaria e a actividade urxente.

 

Por último, o plan recolle os compromisos de reforzo do persoal cando se requira, como xa se fixo en anos anteriores, tanto con persoal sanitario (facultativo e de enfermaría) como non sanitario (celadores), e en unidades como urxencias e en plantas de hospitalización cando a ocupación hospitalaria así o faga necesario.

 
 
Nota: No grupo de traballo participan profesionais dos diversos eidos asistenciais, o director asistencial, Luis González Taboada; a directora de atención primaria, Marina Pérez Tenreiro; a directora de enfermaría, Isabel Campos Pardo; o xefe do servizo de medicina interna, Ramón Jorge Sánchez; o coordinador de admisión, Enrique Díaz López; a xefa de servizo de neumoloxía, Carmen Diego Roza; e a coordinadora de urxencias, Carmen Solloso Blanco. Esta mañá estaba presente tamén na xuntanza de planificación final o Xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio Villanueva.

Imaxes relacionadas