Os galegos do exterior participantes no programa Reencontros co Xacobeo rematan a súa experiencia en Santiago de Compostela

Esta iniciativa, que comezou o pasado luns e que conta con case 140 persoas de máis de 65 anos vinculadas a centros galegos do exterior ten como obxectivo difundir o Camiño de Santiago e o fenómeno do Ano Santo

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2022 Os case 140 participantes do programa Reencontros co Xacobeo da Secretaría Xeral da Emigración, procedentes de diferentes países de América e Europa, así como de distintas comunidades autónomas, chegaron hoxe ata Santiago de Compostela onde completaron os últimos metros dos camiños que realizaron durante esta semana ata chegar a praza do Obradoiro. 

Os participantes, galegos de máis de 65 anos vinculados a centros do exterior, estiveron acompañados neste último tramo pola subdirectora de Coordinación Administrativa da Secretaría Xeral da Emigración, María Baleato. 

Esta iniciativa ten coma obxectivo promover os lazos con Galicia e coa súa cultura a través do Camiño de Santiago, e deste xeito, a metade dos participantes realizaron, en pequenas etapas, o Camiño Portugués dende O Porriño, e o resto, a Vía da Prata dende Ourense.. Tamén desenvolveron actividades nas dúas residencias de tempo libre da Xunta onde se aloxaron durante esta semana, en Panxón e no Carballiño. 

O obxectivo é que, unha vez vivida a experiencia, os participantes colaboren como axentes activos na promoción e difusión do Camiño de Santiago e do fenómeno do Ano Santo Xacobeo nos lugares en que os centros teñen a súa sede. 

Este programa, que conta cunha dilatada traxectoria, desenvolveuse xa o ano pasado centrado no Ano Santo de cara a promocionar o Xacobeo sen perder o espírito de reencontro con Galicia co que naceu esta iniciativa fai máis de 30 anos.

 

Imaxes relacionadas