A Xunta organiza o primeiro Congreso Internacional de Incendios Forestais Interlumes

Contará con varias charlas e mesas redondas con diversas autoridades e expertos en lumes forestais de Galicia, España e Portugal

Terá lugar o vindeiro xoves 17 e o venres 18 de novembro no recinto feiral de Silleda, enmarcado na I Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias
 

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2022.-

A Consellería do Medio Rural organizará o vindeiro xoves 17 e o venres 18 de novembro o I Congreso Internacional de Incendios Forestais Interlumes. Enmarcado do dentro da I Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias (Sedexpo), o congreso albergará no recinto feiral de Silleda varias charlas e mesas redondas con diversas autoridades e expertos en lumes forestais tanto da nosa comunidade como do resto de España e Portugal.

Así, durante a xornada do xoves celebraranse diversas charlas sobre asuntos como a loita contra os incendios forestais na fronteira hispano-lusa, a planificación territorial como reto para a prevención de Grandes Incendios Forestais, a planificación preventiva dos incendios, os lumes forestais na xestión da paisaxe ou os proxectos Interreg VA 2014-2020 POCTEP. Ademais, a mañá rematará cunha charla sobre os incendios forestais en Galicia deste ano por parte dos técnicos da Xunta Juan Francisco Losada e Xavier Bruña e o experto en xestión forestal Ferrán Dalmau e a intervención do conselleiro do Medio Rural, José González, na que fará balance da campaña de 2022. Pola tarde celebrarase unha mesa redonda na que o tema central será a prevención e participarán representantes das administracións de Galicia, Portugal, Andalucía e Castela e León.

O venres, a xornada comezará con varias charlas sobre temas como a loita contra os incendios forestais en Portugal, a participación social na xestión paisaxística para a prevención de incendios forestais, o programa nacional de preparación de expertos Grupo Fast, o proxecto Europeo H2020 FIRE-RES, as aplicacións informáticas de apoio en xestión de incendios forestais e a experiencia nos incendios forestais deste ano en Extremadura. A mañá rematará cun taller práctico impartido por Ferrán Dalmau sobre Sandbox de interfaz urbano-forestal con lume real. Finalmente, pola tarde, a xornada con outra mesa redonda de extinción con representantes dos servizos de extinción de Galicia, Portugal e España, e a clausura do acto por parte do titular do Medio Rural.

O proxecto Interlumes

O I Congreso Internacional de Incendios Forestais Interlumes enmárcase dentro das accións do proxecto europeo Interlumes, que ten por obxectivo fundamental reforzar a capacidade operativa de resposta na extinción de incendios forestais na fronteira de España e Portugal.

Para iso, a través do proxecto, melloraranse e reforzaranse os medios existentes de prevención e extinción de incendios. Tamén se avanzará na definición dun protocolo de actuación conxunta e xestión compartida de medios e modelos de actuación na defensa contra o lume que homoxeneíce as actuacións que in situ se levan a cabo na fronteira.

De feito, xa se deron algúns pasos neste sentido co sometemento a información pública a semana pasada do proxecto de construción dunha base aérea no territorio fronteirizo de Verín e Chaves, que permita atender de forma máis áxil, eficaz e eficiente un problema de tal entidade como son os incendios forestais.

O proxecto Interlumes contará tamén con accións encamiñadas a sensibilizar a poboación contra os riscos que provocan os incendios forestais e avanzará na formación especializada dos axentes que interveñen das diferentes comunidades e países na extinción de incendios, con congresos como o que se vai celebrar na nosa comunidade.

Departamento:
C. do Medio Rural