O programa Emega da Xunta apoia 57 iniciativas empresariais de mulleres en Lugo, cun investimento de 709.000 euros

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, explican que a convocatoria deste ano chega a 28 concellos lucenses e axuda a crear ou consolidar 92 postos de traballo femininos

As achegas van dirixidas a favorecer a posta en marcha, a mellora e a activación de negocios constituídos por mulleres, así como medidas complementarias para facilitar a conciliación ou acceder a servizos de asesoramento
 

Lugo, 13 de novembro de 2022

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade apoia este ano na provincia de Lugo 57 iniciativas empresariais constituídas por mulleres a través do programa Emega de emprendemento feminino. As achegas suman 709.000 euros e chegan a 28 concellos lucenses.

 

A convocatoria de 2022 axuda a crear ou consolidar 92 postos de traballo femininos na provincia, 65 por conta propia e 27 por conta allea. Do total, 57 son de nova creación e 35 son empregos que se manteñen.

 

Así o explicaron a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, que visitaron na capital lucense a asesoría Inca. Esta empresa formada plenamente por mulleres foi beneficiaria da liña Activa do programa Emega, orientada a favorecer a reactivación e consolidación de proxectos empresariais, neste caso con medidas enfocadas á mellora da competitividade a través da renovación tecnolóxica.

 

Na cidade de Lugo, con cargo á  orde de 2022 concedéronse incentivos por importe total de 159.000 euros para apoiar 10 empresas e propiciar 24 empregos femininos.

 

En canto á distribución das achegas no resto da provincia, A Mariña suma 20 proxectos que obteñen axudas por valor de 222.000 euros; a Zona Sur conta con 9 iniciativas que perciben 114.000 euros; a Terra Chá e Meira acollen negocios que reciben unha inxección de 96.000 euros; e na Ulloa concédense 58.000 euros para apoiar seis empresas -dúas en cada un dos tres concellos -. Outras cinco solicitudes aprobadas parten dos municipios da Fonsagrada, Friol, O Incio, Láncara e Portomarín.

 

Os proxectos abranguen ámbitos moi diversos, entre eles unha residencia da terceira idade, escolas infantís, servizos de I+D+i a empresas do sector primario, asesorías, venda de produtos médicos, un centro multidisciplinar de atención á infancia e ás familias, fabricación de mobles, tendas de roupa, locais de hostalería, aloxamentos turísticos, actividades deportivas, fabricación artesanal de galletas, zapaterías, librarías, docencia, servizos veterinarios, taxis, establecementos de tatuaxes, deseño gráfico ou fabricación de produtos téxtiles para cans, entre outros. 

 

Obxectivos do programa Emega

O programa Emega comprende incentivos para favorecer a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.

 

Está formado por catro liñas: Emprende, con incentivos para a posta en marcha de novas empresas por parte de mulleres desempregadas e a creación de emprego estable por conta propia e allea; Activa, para favorecer a reactivación e consolidación de proxectos empresariais; ITEF, que pon o foco no apoio a iniciativas empresariais con carácter innovador, con contido científico ou de base tecnolóxica; e a liña Concilia, complementaria das tres anteriores, para axudar tanto ás mulleres promotoras como as traballadoras ao seu cargo na súa conciliación.

Imaxes relacionadas