A Xunta pon en marcha unha web para acceder a toda a información sobre o desenvolvemento da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia

Este novo portal está a centralizar o acceso a toda a información relativa á execución das aldeas modelo, dos polígonos agroforestais ou das agrupacións de xestión conxunta


O obxectivo do Sistema de Información de Terras de Galicia é garantir a transparencia sobre todos os traballos que se están a levar a cabo ao abeiro das distintas figuras, fomentando a participación pública para continuar coa súa posta en marcha


Nestes momentos, na nova web de Sitegal pódese acceder a sete seccións distintas, nas que se permite descargar 723 arquivos correspondentes a documentos, mapas, vídeos e presentacións


Proximamente estarán dispoñibles novas funcionalidades, como a ferramenta para a xestión do Banco de Explotacións ou unha aplicación de participación pública que servirá de apoio nas reunións con interesados nos instrumentos de recuperación
 

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2022

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, puxo en marcha unha web para acceder a toda a información relativa ao desenvolvemento e aplicación da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, en vigor desde o ano pasado. O denominado Sistema de Información de Terras de Galicia (Sitegal: https://info-sitegal.xunta.gal/gl) está a integrar xa todos os datos relativos aos diferentes instrumentos de ordenación, de mobilización e de recuperación de terras regulados na norma, uns datos que irán aumentando a medida que as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta se sigan estendendo por toda a comunidade.

Así, froito da colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e co Instituto de Estudos do Territorio, nestes momentos dende a nova web de Sitegal pódese acceder a sete seccións distintas, desde as que se poden descargar 723 arquivos correspondentes a documentos, mapas, vídeos e presentacións. Os obxectivos principais son garantir a transparencia sobre todos os traballos que se están a levar a cabo nos distintos instrumentos e fomentar a participación pública para continuar coa súa posta en marcha.

En concreto, tal e como se recolle na propia Lei de recuperación da terra agraria, o Sitegal actuará como sede electrónica do Banco de Terras de Galicia, integrando nel os procedementos de incorporación, solicitudes de arrendamento ou notificacións e rexistros. Tamén recollerá nun sistema de información xeográfica todas as referencias cartográficas das parcelas do Banco de Terras que están á espera de ser incorporadas, as xa incorporadas, nos seus diferentes estados, e as que foron xa dadas de baixa.

Así mesmo, a nova web aglutinará os datos procedentes de aldeas modelo e de polígonos agroforestais, así como os procedentes do Banco de Explotacións, do Rexistro de Polígonos Agroforestais e do Rexistro de Agrupacións Agroforestais de Xestión Conxunta. Ademais permitirá ás persoas usuarias o acceso web a distintos datos alfanuméricos e cartográficos e servirá de acceso á sede electrónica da Xunta de Galicia para todos os procedementos desenvolvidos na Lei de recuperación.

Detalles da nova web

Tanto a través de iconas como dende un menú principal, desde a nova web pode accederse á aplicación web do Banco de Terras, a través da que os cidadáns poderán incorporar parcelas ou solicitar o arrendamento dos predios dispoñibles no Banco. Tamén hai publicada información xeográfica dos instrumentos de recuperación. Así, canto aos polígonos agroforestais, dáse conta dos 21 que están en execución -que abranguen un total de 8.788 hectáreas, 7.249 parcelas e 26.431 titulares- ou sobre as 707 masas de concentración ou reestruturación parcelaria superiores a 10 ha que presentan un estado de abandono en máis do 50% da súa superficie, polo que son áreas preferentes para implementar esta figura. Sobre as aldeas modelo, reflíctense as 21 declaradas -que abranguen unha superficie de 574 ha e 9.346 parcelas de 2.359 titulares- así como as sete aldeas modelo en fase de recollida de sinaturas -que suman 194 ha, 3.395 parcelas e 901 titulares-.

 

Nun futuro, accederase tamén a aplicacións informáticas específicas -que xa están en desenvolvemento- para a xestión das aldeas modelo, dos polígonos agroforestais e do Banco de Explotacións (o instrumento público de mediación que terá a finalidade de facilitar a posta en contacto entre titulares de explotacións que abandonan a actividade e persoas interesadas en incorporarse a elas, co obxectivo de garantir a continuidade e a remuda xeracional no agro). Ademais, accederase á información dos instrumentos de ordenación e planificación: o Mapa de usos agroforestais e o Catálogo de solos agropecuarios e forestais.

 

A maiores, están elaborándose novas funcionalidades para contribuír ao desenvolvemento dos obxectivos marcados na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Por exemplo, estase a traballar nunha app de participación pública, que busca servir de apoio nas reunións con persoas propietarias de parcelas ou interesadas nos instrumentos de recuperación de terras.

Por último, cómpre apuntar que o portal inclúe un apartado de novas de interese e outro con material divulgativo sobre a Lei de recuperación, no que se poden atopar vídeos resumo e presentacións sobre os diferentes procedementos e instrumentos regulados na Lei de recuperación. Todo este material forma parte do plan de divulgación da norma e atópase dispoñible para o seu emprego por parte do persoal técnico da Consellería do Medio Rural, dos grupos de desenvolvemento rural (GDR), do persoal técnico dos concellos ou de calquera outra persoa interesada.