Conde subliña a contribución dos premios Semente ao desenvolvemento económico e social de Monforte e de toda a Ribeira Sacra

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou na rolda de prensa desta iniciativa, cuxos galardóns se entregarán este serán

Subliña que apoiar o emprendemento é tamén investir en benestar, contribuíndo á creación de emprego de calidade e á fixación de poboación no rural

Lembra que o coworking da Ribeira Sacra ten permitido nas súas seis primeiras edicións apoiar máis de 100 proxectos, contribuíndo á creación de preto de 40 empresas e de máis de 70 postos de traballo
 

Monforte de Lemos (Lugo), 12 de novembro de 2022.-

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou este mediodía na rolda de prensa da oitava edición dos premios Semente Ribeira Sacra a contribución desta iniciativa ao desenvolvemento económico e social de Monforte de Lemos e de toda a contorna. Así, Conde agradeceu o traballo da asociación Semente Monforte, e subliñou que apoiar o emprendemento é tamén investir en benestar, contribuíndo á creación de emprego de calidade e á fixación de poboación no rural.

 

Neste eido, o vicepresidente económico, que participará este serán na entrega de premios,  sinalou que os emprendedores galegos contan con diferentes apoios no eido do financiamento e do asesoramento e lembrou iniciativas como o coworking da Ribeira Sacra. Este ten permitido nas súas seis primeiras edicións apoiar máis de 100 proxectos, contribuíndo á creación de preto de 40 empresas e de máis de 70 postos de traballo.

 

Para reforzar un ecosistema que conxugue iniciativa empresarial e innovación configurándose, así, como un motor de reforzo da modernización e diversificación da economía de Galicia, a Xunta de Galicia ten en marcha a nova Axenda Startups. Con esta folla de ruta, á que se destinan 15 millóns de euros, búscase contribuír á creación de 100 novas empresas e a acelerar 200 nos próximos dous anos, prevéndose a xeración de 600 postos de traballo vencellados ás novas compañías.

Imaxes relacionadas