Rueda resalta o valor turístico do visor ‘A paisaxe de Galicia desde a bicicleta’, que propón 2.300 km a través de 52 rutas pola Comunidade

Destaca as ofertas paisaxísticas, culturais ou gastronómicas para desfrutar de Galicia tamén no outono

Subliña os datos turísticos dun Xacobeo histórico no que Galicia bateu tódolos seus récords: a estas alturas do ano, “xa leva máis viaxeiros que no total de 2019, o mellor ano ata o día de hoxe”

“Temos un sector turístico potentísimo”, dixo o presidente da Xunta nun tramo da Ruta do Salnés que percorreu en bicicleta
 

Meis (Pontevedra), 12 de novembro de 2022 O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, resaltou o valor turístico do visor ‘A paisaxe de Galicia desde a bicicleta’ que propón 2.300 quilómetros a través de 52 rutas pola Comunidade. O titular da Xunta, que realizou hoxe un tramo da Ruta do Salnés de algo máis de 30 km., animou a escoller entre a ampla oferta “para pedalear ou camiñar” a través da paisaxe galega, desde a Ribeira Sacra á praia das Catedrais, o Xurés ou os Ancares, con rutas seguras e naturais de diferentes niveis de dificultade.

Rueda subliñou que logo dun verán sen precedentes para o turismo galego, chega un outono no que Galicia tamén abunda en ofertas culturais, paisaxísticas e gastronómicas para desfrutar e descubrir “que vivimos no mellor lugar do mundo”, como se pode comprobar tamén co patrimonio natural divulgado a través das 14 guías da Colección Paisaxe Galega para recoller “o fermosismo” da Comunidade, ou co Atlas da Paisaxe do Camiño de Santiago.

O titular do Goberno galego animou a darlle ao Xacobeo o remate que merece para consolidar unhas cifras espectaculares, co récord histórico de 430.000 compostelas que Galicia está a piques de acadar. Subliñou, ademais, que a estas alturas do ano “xa levamos máis viaxeiros que no total  de 2019, o mellor ano ata o día de hoxe”.

Nos primeiros nove meses do 2022 Galicia superou nun 45% os niveis acadados no mesmo período do ano pasado, rachou por primeira vez a barreira dos dez millóns de pernoitas, incrementou nun 26% o turismo nacional e duplicou o internacional. “Temos un sector turístico potentísimo”, asegurou Rueda, quen animou a seguir traballando “para que o ano que vén e os seguintes sexan tamén moi bos, porque contribúe á boa marcha da economía de Galicia”.  

Imaxes relacionadas