A Xunta organiza a semana que vén en Antas de Ulla unha xornada sobre aspectos prácticos da normativa en materia de montes e de prevención de incendios forestais

Organizada polo distrito forestal IX Lugo-Sarria, está prevista na Casa da Cultura o próximo xoves 17 de novembro

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2022

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto realizar a semana que vén en Antas de Ulla unha xornada sobre aspectos prácticos da normativa en materia de montes e de prevención de incendios forestais. Organizada polo distrito forestal IX Lugo-Sarria, terá lugar no salón de actos da Casa de Cultura desta localidade lucense, o próximo xoves 17 de novembro, en horario de 16,00 a 21,00h.

Con esta acción formativa preténdese instruír sobre os principais aspectos normativos en materia de montes e de prevención de incendios forestais, avanzar na planificación da prevención e na diminución do risco de lumes, así como preparar á sociedade ante este tipo de continxencias, buscando a súa implicación e corresponsabilidade na adopción de medidas preventivas.  

Nese senso, o programa inclúe aspectos da lexislación en materia de montes relativos a repoboacións forestais, cambios de actividade, cortas de madeira ou queimas de restos amoreados. No que respecta aos incendios, abordaranse as faixas de xestión de biomasa, a prevención e a autoprotección de vivendas e persoas fronte aos lumes.

Esta formación está dirixida á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina poden atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolles se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 828 620, ou enviarse un correo a distrito.forestal9@edu.xunta.gal.