A Xunta mantén o seu compromiso co movemento veciñal con 3M€ en 2023 en axudas ás entidades veciñais e outros 73.000€ á renovación do convenio con Cogave

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, recibiu unha das distincións entregadas hoxe na IX edición dos premios “Crer no movemento veciñal” da Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía de Castro” (Cogave)


Natalia Prieto agradeceu o recoñecemento e destacou o compromiso da Xunta co movemento veciñal polo seu importante papel para dinamizar a vida local e contribuír ao benestar da cidadanía


O Goberno galego destina ademais axudas anuais a melloras nos locais das entidades veciñais e á adquisición de equipamento mantendo en 2023 o orzamento de 3M€
 

Lugo, 12 de novembro de 2022

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, recibiu hoxe unha das distincións da entregadas hoxe na IX edición dos premios “Crer no movemento veciñal” da Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía de Castro” (Cogave), que volve recaer na Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti da provincia de Lugo.

Natalia Prieto agradeceu o recoñecemento e fixo partícipe ao todo o departamento que representa, que xestiona axudas ás entidades veciñais para levar a cabo melloras nos seus locais sociais así como a adquisición de equipamento garantindo o seu funcionamento e o seu importante papel na dinamización da vida local. No acto estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.

Nos orzamentos de 2023, esta orde de subvencións a asociacións de veciños e de mulleres rurais xunto con comunidades de usuarios de auga, no marco do Plan específico de acción comunitaria, contará cunha partida de 3M€, mantendo a contía deste exercicio.

Ademais, renovarase o convenio de colaboración coa Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía de Castro” (Cogave) e reforzarase o apoio co que impulsar a actividade destas entidades, xa que a contía ascenderá de case 65.000 a 73.000 euros. O acordo permite financiar a actividade da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana, a Federación de Asociacións de Veciños de Lugo Lucus Augusti, a Federación de Asociacións de Veciños de Ourense Limiar, a Federación de Asociacións de Veciños de Pontevedra Castelao e a Federación de Asociacións de Veciños Eduardo Chao de Vigo, así como da propia Confederación Galega de Asociacións Veciñais.

 

Cogave reúne á meirande parte das federacións veciñais de Galicia e ten como obxectivo prioritario dinamizar o movemento veciñal de Galicia, dando os servizos que as federacións de veciños demandan para garantir o funcionamento asociativo e as melloras necesarias para o seu desenvolvemento. Nos últimos anos o investimento do Goberno galego froito desta colaboración supera os 644.000 euros.

Por outra banda, a través das liñas de axudas anuais ás entidades veciñais un total de 224 entidades resultaron beneficiarias este ano, 31 delas na provincia de Lugo. En total, desde a posta en marcha destas axudas en 2016 o investimento da Xunta nestas subvencións acada os 16 millóns de euros cos que se apoiaron máis de 1.300 proxectos

 

A directora xeral de Administración Local incidiu no compromiso da Xunta por colaborar con estas asociacións axudando a mellorar a calidade de vida dos cidadáns e puxo en valor o traballo destes colectivos para recoller e atender as demandas dos cidadáns ao constituír o ámbito máis próximo á veciñanza.