A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural participou hoxe nas XIX Xornadas de Vacún de Leite organizadas pola cooperativa Seragro

A Xunta pon de relevo as posibilidades que ofrecen os instrumentos da Lei de recuperación para aumentar a base territorial das explotacións de vacún de leite

Inés Santé aseverou que os polígonos agroforestais, que buscan mobilizar grandes áreas de terra, son especialmente acaídos para as comarcas con vocación leiteira que precisan incrementar a produción de forraxes

Lembrou que máis dun ano despois da entrada en vigor da Lei de recuperación se están a poñer en valor máis de 9.300 hectáreas a través de 21 destes polígonos e doutras tantas aldeas modelo impulsadas por todo o territorio galego
 

Lugo, 11 de novembro de 2022.- A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou hoxe nas XIX Xornadas de Vacún de Leite organizadas pola cooperativa Seragro, onde puxo de relevo as posibilidades que ofrecen os instrumentos que recolle a Lei de recuperación da terra agraria para mellorar a base territorial das explotacións lácteas. Así, sinalou que nas comarcas con vocación leiteira o enfoque é claro cara á produción de forraxes, dinamizando o rural e xerando actividade económica ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais. 

 

No seu relatorio, a directora xeral fixo fincapé en que a nosa comunidade é a novena rexión europea en produción láctea, cunhas entregas de leite que representaron o 40% do total nacional no ano 2021. Engadiu que a produción leiteira é a actividade agraria con máis importancia no noso territorio e que a súa demanda tradicional pasa por ampliar a base territorial das explotacións para mellorar a súa competitividade.

 

Consciente desa necesidade, a Xunta leva máis dun ano aplicando a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia que, segundo Inés Santé, fundaméntase en mecanismos de posta en valor de carácter voluntario, que funcionan a través dos arrendamentos e cesións, da transmisión da titularidade das parcelas ou da xestión conxunta. Así mesmo, a mobilización de terras faise preferentemente a demanda de iniciativas produtivas que acrediten a súa solvencia técnica, económica e produtiva, garantindo que se mobiliza unha superficie suficiente para garantir a rendibilidade da súa xestión.

 

No caso do sector lácteo, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural aludiu aos polígonos agroforestais como a figura máis acaída para darlle un pulo a estas granxas, ao implicar grandes áreas de terra. Polígonos como o coruñés de Curtis, con máis de 3.000 hectáreas, no que precisamente se avanzou onte mediante unha reunión entre Inés Santé e os gandeiros involucrados. Nestes casos, segundo lembrou Santé, debe existir acordo dos propietarios de máis do 70% da superficie do polígono, de cara a poñer en valor terra con boa capacidade produtiva que alcanzou, co paso do tempo, estados de abandono ou infrautilización.

Tal e como explicou a directora xeral, das máis de 9.300 hectáreas que se están a mobilizar en toda Galicia mediante as ferramentas da Lei de recuperación, 8.788 ha corresponden a 21 polígonos agroforestais en distintas fases de execución, entre os que se atopan os situados nos concellos lucenses de Bóveda e Navia de Suarna, na fase de actuacións previas. Outras 574 ha corresponden a 21 aldeas modelo declaradas, como as luguesas do Incio, A Pobra do Brollón, Folgoso do Courel, Quiroga e Sober, coas dúas primeiras xa rematadas e en marcha. Entre ambos instrumentos de recuperación, engadiu, estanse a beneficiar máis de 9.600 propietarios de máis de 35.000 parcelas.

 

Imaxes relacionadas