Os directores xerais de Defensa do Monte e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural responderon hoxe a varias preguntas no Parlamento

A Xunta destaca o extraordinario traballo da Unidade de Investigación de Incendios Forestais durante o seu primeiro ano en funcionamento

Manuel Rodríguez puxo en valor o labor desempeñado pola UIFO nos incendios deste verán, que foi determinante no esclarecemento de varios lumes

Inés Santé indicou que dende o ano 2020 ata o presente, levouse a cabo a entrega dos títulos de propiedade de 23 zonas de concentración parcelaria, que supoñen unha superficie de máis de 16.500 hectáreas reordenadas

Tamén, o director xeral de Defensa do Monte defendeu que a realización de queimas controladas supoñen un método seguro e efectivo que, ademais, implica menores custos que a roza mecanizada

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2022

O director xeral da Defensa do monte, Manuel Rodríguez, destacou hoxe na Comisión 7ª do Parlamento o extraordinario traballo da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) no esclarecemento dos lumes durante o seu primeiro ano en funcionamento.

 

Ademais, puxo en valor o labor desempeñado pola UIFO nos incendios deste verán, que foi crucial para determinar as posibles causas e causantes. Así, puidéronse esclarecer varios dos lumes, quedando evidenciada a man do home detrás deles, sendo determinantes, ademais, as investigacións feitas tanto pola UIFO como polo resto de forzas e corpos de seguridade para deter aos presuntos autores.

 

Precisamente, a UIFO creouse no ano 2021 co fin de que, grazas a ter unha dedicación exclusiva, puidese focalizar o seu labor naquelas zonas do territorio máis afectadas en períodos de alto risco ou en situación de alta actividade incendiaria a nivel de toda a comunidade autónoma. Ademais, dada a súa especialización nas facetas policial e forestal, todo isto redunda nunha clara mellora da investigación e, polo tanto, da prevención dos incendios forestais.

 

O director xeral sinalou que o éxito desta unidade non é outro que dos grandes profesionais que a conforman, por medio da dotación dun maior espazo e medios para poder levar a cabo o seu labor. Neste sentido, nos próximos anos prevese seguir apostando pola UIFO, aumentando o número de persoas que a conforman e ofrecéndolles máis e mellores ferramentas de traballo.

 

Procesos de reestruturación parcelaria

Pola súa parte, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, respondeu unha pregunta sobre os procesos de reestruturación parcelaria rematados e abertos levados a cabo polo Goberno galego. Neste sentido, a directora xeral indicou que  se trata dun dos eixes de actuación do Goberno autonómico que se está executando en materia de estruturas agrarias para acadar fincas de dimensión agrarias adecuadas para unha explotación rendible.

 

Así, explicou que dende o ano 2020 ata o presente, levouse a cabo a entrega dos títulos de propiedade de 23 zonas de concentración parcelaria, que supoñen unha superficie de máis de 16.500 hectáreas reordenadas en máis de 14.000 predios de substitución atribuídos a máis de 10.000 propietarios.

 

Deste xeito, entre os anos 2021 e 2022 estarán decretadas un total de 28 zonas novas de reestruturacións parcelarias, que abarcan máis de 23.500 hectáreas de máis de 15.500 propietarios, superficie que a día de hoxe se atopa atomizada en preto de 110.000 parcelas, indicou Inés Santé.

 

Ademais, falou sobre os instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e as vantaxes que brinda. Dende a súa entrada en vigor en maio do 2021, estanse a mobilizar máis de 9.300 hectáreas en toda Galicia, correspondendo preto de 8.800 a polígonos agroforestais e preto de 600 hectáreas a aldeas modelo. Entre ambos instrumentos de recuperación estanse a beneficiar a máis de 9.600 propietarios de máis de 35.000 parcelas.

 

En definitiva, por medio da aplicación desta norma, a directora xeral explicou que é posible a recuperación de grandes espazos produtivos segundo o tipo de cultivo máis acaído ou de maior tradición en cada zona, dinamizando así o territorio e xerando actividade económica, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais.

 

Queimas controladas

Preguntado polas queimas controladas, o director xeral de Defensa do Monte defendeu que as queimas prescritas supoñen un método seguro e efectivo que, ademais, implica menores custos que a roza mecanizada, a pesar de que só se poden levar a cabo en épocas moi concretas do ano.

 

Ademais, indicou que a execución da queima realízase facendo unha avaliación previa na que se ten en conta as pendentes medias e máximas, orientacións, tipos de substratos, pedregosidade, modelos de combustibles e os usos do solo, ademais das condicións meteorolóxicas tanto a curto como medio prazo.  Isto demostra o rigor do Servizo á hora de realizalas que, nalgúns casos, mesmo ten suspendido algunha queima no mesmo día dado a variables cambiantes.

 

Precisamente, debido a esta rigorosidade, o director xeral explicou que das 284 queimas controladas previstas para 3.075 hectáreas para este ano, leváronse a cabo ata o momento 206 con 627 hectáreas queimadas, xa que as condicións de climatoloxía extrema durante este ano obrigaron a paralizar o resto de queimas previstas dende a primavera. Con todo, prevese continuar coas queimas previstas durante os meses de novembro e decembro.

Departamento:
C. do Medio Rural