Rueda sinala o premio Ourensanía como unha mostra da Galicia orgullosa que combina o arraigo coa apertura ao mundo global

O presidente da Xunta interveu na entrega do galardón ao fotógrafo Manuel Outumuro e do recoñecemento Ourensanía de Honra a Ildefonso ‘Alfonso’ Graña a título póstumo

Ourense, 11 de novembro de 2022 O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, sinalou o premio Ourensanía como unha mostra da Galicia orgullosa que combina o arraigo coa apertura ao mundo global. Na entrega do galardón ao fotógrafo Manuel Outumuro e do recoñecemento Ourensanía de Honra a Ildefonso ‘Alfonso’ Graña a título póstumo, o titular da Xunta subliñou que “ourensanía é o xeito propio de sermos galegos, porque non implica illamento senón integración na realidade galega dun xeito peculiar”.

Na súa intervención no acto de entrega do galardón, Alfonso Rueda indicou que se a ourensanía “é un xeito propio de ser galego”, a galeguidade “é un xeito propio de ser español e europeo”, e puxo como exemplo o percorrido vital de moitos ourensáns que emigraron ou fixeron carreira fóra da súa terra sen perder nunca “o orgullo” polas súas raíces. “O Xacobeo, por exemplo, traduce ese orgullo galego nunha efeméride compartida con peregrinos de todo o mundo”.

No acto celebrado no Teatro Principal foi recoñecida a traxectoria do fotógrafo Manuel Outumuro, nacido en A Merca (Ourense) e que cimentou a súa carreira artística en Barcelona, xunto cunha estadía de catro anos en Nova York e que foi recoñecido co premio Lucie Awards, entre outros galardóns. Para Alfonso Rueda, Manuel Outumuro “é un expoñente dese equilibrio máxico que os galegos conseguimos entre o global e o local”.

O xurado acordou ademais outorgar o premio Ourensanía de Honra -que se concede a figuras xa falecidas que merecen ser rescatadas- a Ildefonso ‘Alfonso’ Graña, explorador e aventureiro nacido en Avión e emigrado a América que foi proclamado no seu tempo Rei dos Jíbaros co título de Rei da Amazonia. O presidente da Xunta dixo que os dous homenaxeados compartían “ser fillos dun país que atesoura unha enerxía extraordinaria, provisto dunha identidade tan forte como aberta”.

 

Imaxes relacionadas