A Xunta mostra o seu compromiso cun maior peso das rexións na Unión Europea

O Goberno galego súmase ás conclusións da 10ª Conferencia sobre a Subsidiariedade que se celebrou hoxe en Valencia, nas que se apela a reforzar a lexitimidade democrática da UE como resultado da Conferencia sobre o futuro de Europa concluída este ano

De cara a unha posible revisión dos tratados comunitarios, o Comité Europeo das Rexións reclama reforzar o seu papel na arquitectura institucional da UE, aspirando a desempeñar unha función lexislativa vinculante nas políticas europeas que teñan un maior impacto territorial

Valencia, 11 de novembro 2022 O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na Conferencia sobre a Subsidiariedade celebrada polo Comité Europeo das Rexións (CdR) en Valencia. Neste encontro bianual, o CdR pediu que se aproveite o impulso da Conferencia sobre o Futuro de Europa para avanzar e responder ás expectativas da cidadanía, mediante a adhesión ao principio de subsidiariedade activa e o reforzo do papel dos entes locais e rexionais no marco institucional da UE.

 

As conclusións adoptadas tras a Conferencia manteñen a liña dialogante do Comité. Apóstase polo recoñecemento da subsidiariedade activa no Programa de Mellora da Lexislación da Comisión Europea, a participación en plataformas como “Preparados para o futuro” ou RegHub, o reforzo da cooperación interinstitucional ou o aproveitamento da experiencia recollida na Conferencia sobre o Futuro de Europa (CoFoE). En base á CoFoE, na que o CdR xa incluíu unha proposta sobre a gobernanza multinivel e a subsidiariedade, a Conferencia pediu, nunha hipotética reforma dos tratados da UE, que o CdR obteña unha función lexislativa vinculante nas políticas territoriais clave, coa fin de respectar o papel das administracións subnacionais.

 

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, valorou a celebración da Conferencia como espazo idóneo para mellorar a lexislación comunitaria, así como as súas conclusións. Respecto ás decisións, Gamallo destacou o esforzo común “para organizar esta casa de todos que é Europa”. “O recoñecemento do papel rexional na subsidiariedade activa é unha mostra máis de como sermos galegos, ao igual que calquera outra das moitas rexións que vitalizan Europa, é a nosa forma de contribuír e sentir a nosa pertenza comunitaria”, apuntou.

 
Nos ámbitos nos que a UE non ten competencias exclusivas, o principio de subsidiariedade define as circunstancias nas que é preferible a actuación comunitaria en lugar dos Estados membros ou os entes subestatais. Este principio regula as actividades da UE desde o ano 1992, cando foi incluído no Tratado de Maastricht. Posteriormente, o Tratado de Lisboa en 2009 dotouno de maior relevancia e engadiu, de forma explícita, a súa dimensión local e rexional. Dende entón, o CdR vixía a correcta implantación deste principio, xunto ao de proporcionalidade, mediante a súa actividade propia e o diálogo co resto de institucións europeas e organismos rexionais e locais.

Imaxes relacionadas