A Xunta afronta a fase final da mellora do firme na estrada PO-548, que conta cun investimento de 1,5 M€ e beneficia a Pontecesures, Valga, Catoira e Vilagarcía

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde de Catoira, Alberto García, supervisou esta mañá esta actuación a prol da seguridade viaria no Salnés e O Ullán, que comezou no verán
 

Estase renovando o firme da vía ao longo de algo máis de 17 quilómetros no tramo que une a vila de Pontecesures e a glorieta de acceso ao porto de Carril
 

Para reforzar a seguridade e reducir a velocidade dispóñense distintos tramos con dobre liña e redúcese o ancho dos carrís, habilitando unha zona central
 

Tamén se actúa na sinalización das interseccións para facilitar os movementos de incorporación ou posibilitar cambios de sentido

Catoira, 11 de novembro de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a avanzar a bo ritmo as obras de reforzo do firme da estrada autonómica PO-548 e xa afronta a súa fase final co obxectivo de tela rematada a comezos do vindeiro ano. A Xunta está a investir case 1,5 millóns de euros nunha actuación integral que beneficia os concellos de Pontecesures, Valga, Catoira e Vilagarcía de Arousa.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou precisamente destas derradeiras semanas de traballo nunha visita de supervisión realizada esta mesma mañá ás obras acompañado do alcalde de Catoira, Alberto García.

 

A maquinaria atópase precisamente nestas datas traballando no municipio de Catoira, que é o principal beneficiado, xa que ten o treito máis grande desta vía autonómica -case sete quilómetros e medio- e será onde se realizará gran parte do investimento total, con 538.000 euros.

 

O obxecto da intervención, que comezou no verán, é o acondicionamento e rehabilitación do firme ao longo de algo máis de 17 quilómetros desta estrada que une as localidades de Pontecesures e Vilagarcía de Arousa para mellorar a seguridade viaria e permitir a mobilidade de vehículos nas mellores condicións.

As actuacións na PO-548 comprenden o tramo entre Pontecesures, no punto quilométrico 0, e o punto 17+250, xa na glorieta de acceso ao porto de Carril, en Vilagarcía de Arousa.

As obras consisten na reparación do firme mediante o fresado e reposición das zonas deterioradas e na aplicación dunha nova capa de rodadura nos tramos que non teñen mestura bituminosa descontinua na actualidade.

 

Ademais, estanse mellorando as condicións actuais da estrada, coa reposición de marcas viarias: continuas, descontinuas, símbolos, cebreados e resaltes. No que se refire ás marcas que delimitan o eixo da calzada, vanse pintar varios tramos con dobre liña continua e noutros nos que se pretende conseguir unha redución da velocidade vaise a diminuír o ancho dos carrís establecendo zonas centrais cebreadas.

 
A estrada PO-548 presenta numerosas interseccións con outras estradas, por norma xeral, de menor entidade. Nesas interseccións, e tamén co obxectivo de facilitar os movementos de incorporación ou abandono da vía ou posibilitar cambios de sentido, estase aplicando tamén unha nova capa de rodadura, sobre a cal se disporán as marcas viarias oportunas.

Imaxes relacionadas