O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento

A Xunta iniciará o luns unha nova campaña de inspeccións en máis de 2.100 liñas de transporte compartido para garantir a prestación duns servizos que respondan ás necesidades dos usuarios

Ignacio Maestro sinala que as inspeccións na estrada coa colaboración da Garda Civil de Tráfico, permitiron controlar só neste ano 1.173 expedicións
 

Concreta que desde a entrada en vigor dos novos contratos en 2020, incoáronse 380 expedientes e deles, 168 deron lugar a sancións e 187 están en proceso de resolución
 

Lembra que a Xunta renovou e modernizou a rede de transporte público na comunidade, composta por máis de 3.500 liñas de autobús, 55.000 paradas e 2,35 millóns servizos ao ano
 

Salienta que o continuo seguimento e mellora do transporte interurbano permitiu que o autobús de titularidade autonómica rexistrara en outubro máis de 3 millóns de viaxes
 

Destaca que máis de 130.000 menores de 21 anos viaxan gratis no autobús da Xunta coa tarxeta Xente Nova, realizando en setembro máis de 535.000 viaxes, o máximo ata agora
 

Remarca a realización este ano de máis de 13.200 entrevistas presenciais para coñecer a opinión dos viaxeiros, que valoran cun notable o autobús da Xunta

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2022 A Xunta iniciará o luns unha nova campaña de inspeccións en máis de 2.100 liñas de transporte compartido co fin de garantir a prestación duns servizos que respondan ás necesidades dos usuarios.

 

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia, onde concretou que estas inspeccións se realizarán coa colaboración do sector de Tráfico da Garda Civil.

 

Indicou que as inspeccións, que darán continuidade ás iniciadas no curso 2017-2018, xirarán en torno ao cumprimento das obrigas de seguridade, así como das condicións contractuais, no que respecta a vehículos e persoal.

 

Detallou que só no ano 2022, a Inspección de Transportes e a Garda Civil controlaron 1.173 expedicións, detectándose 390 infraccións.

 

Concretou que desde a entrada en vigor dos novos contratos no ano 2020, incoáronse 380 expedientes de penalidades contractuais e deles, 168 deron lugar a sancións e 187 están en proceso de resolución.

 

Seguimento continuo

Ignacio Maestro puxo en valor o traballo de seguimento continuo que vén realizando a Xunta para ofrecer uns servizos de transporte público de calidade aos cidadáns. Neste sentido, lembrou que o Goberno galego renovou e modernizou a rede de transporte público na comunidade, composta por máis de 3.500 liñas de autobús, con máis de 55.000 paradas e 2,35 millóns servizos ao ano.

 

Salientou que se trata dun servizo en constante evolución, pois desde o principio deste ano se activaron unhas 90 liñas máis para ofrecer aos usuarios novas posibilidades de conexión. Así, suman xa unhas 800 liñas máis das que se puxeron en marcha coa renovación de todas as concesións en 2020.

 

Esta constante adaptación e mellora do transporte interurbano, segundo apuntou o director, permitiu que o autobús de titularidade autonómica rexistrara en outubro máis de 3 millóns de viaxes.

 

Tamén a tarxeta Xente Nova rexistrou cifras récord, pois máis de 130.000 menores de 21 anos xa viaxan gratis no autobús da Xunta, realizándose en setembro máis de 535.000 viaxes, o máximo ata ese momento.

 

Ignacio Maestro puntualizou que estes incrementos das viaxes produciron un tensionamento sobre a oferta, actuando a Xunta de forma inmediata con reforzos como, por exemplo, os activados no autobús A Coruña-Ferrol, con preto de 11.000 prazas máis.

 

Fixo fincapé no seguimento continuo que vén facendo a Xunta para blindar o axeitado funcionamento dos servizos. Para isto, destacou a importancia de escoitar aos usuarios, aos que se lle fixeron este ano máis de 13.200 entrevistas presenciais.

 

Subliñou que os usuarios valoran cunha nota alta o autobús da Xunta, cun nivel de satisfacción dun notable, concretamente un 7,9.