A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, acompañada do delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou hoxe na visita ás obras do ferrocarril ao Porto Exterior

Ethel Vázquez destaca a conexión ferroviaria de Punta Langosteira como un logro colectivo e chama a debater sobre o futuro dos peiraos interiores

Salienta a implicación e o empeño postos pola Xunta no impulso do tren ao Porto Exterior da Coruña, que se completa e se dota así de plena funcionalidade
 

Apunta o acerto de aceptar a proposta do Goberno galego para executar esta infraestrutura cos fondos Next Generation
 

Demanda que este sea o 1º paso no desenvolvemento do Corredor Atlántico do noroeste aproveitando as fontes extraordinarias de financiamento europeo
 

Asegura que os arredor de 150 M€ de investimento contribuirán a dinamizar a economía e o emprego durante a execución das obras e conseguirán desenvolver todo o potencial loxístico e industrial da Coruña cando conclúan

Arteixo (A Coruña), 11 de novembro de 2022 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe as obras da conexión ferroviaria de Punta Langosteira como un logro colectivo e chamou a abordar agora o “xa inaprazable” debate sobre o futuro dos peiraos interiores e a fachada marítima da Coruña. A ese respecto, lembrou que o Goberno galego xa aceptou hai moito tempo as propostas formuladas que, apuntou, seguen sen concretarse.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou hoxe nunha visita ás obras do ferrocarril ao Porto Exterior da Coruña, unha actuación que cualificou como “estratéxica” para a comarca e para toda Galicia.

 

Na súa intervención, a conselleira lembrou a implicación e o empeño da Xunta no impulso do tren a Langosteira, que consigue así completarse e dotarse de plena funcionalidade.

 

Así, lembrou como o 10 de marzo de 2021 o expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, conseguiu o compromiso do entón ministro de Transportes, José Luis Ábalos, para a execución desta infraestrutura, de importancia capital para Galicia e para A Coruña.

 

Ethel Vázquez cualificou como “un acerto” que o Goberno de España finalmente aceptase a proposta da Xunta de impulsar a conexión ferroviaria de Punta Langosteira ao abeiro dos fondos Next Generation. E demandou que este sexa o 1º paso no desenvolvemento do Corredor Atlántico que o noroeste demanda con tanto empeño, aproveitando as fontes extraordinarias de financiamento europeo.

 

Salientou que estas obras, co arredor dos 150 M€ contribuirán durante a súa execución á dinamización da economía e o emprego e serán, cando estean concluídas, a peza decisiva para aproveitar todo o potencial industrial e loxístico que posúe A Coruña, contribuíndo ao progreso de Galicia.

 
Finalmente, a conselleira lembrou que este tren a Langosteira forma parte dunha gran transformación en marcha na área da Coruña, onde tamén está en execución a estación intermodal -igualmente froito da colaboración institucional- e pediu que todas as Administracións demostren con feitos a súa implicación real nos grandes obxectivos da cidade.

Imaxes relacionadas