O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, abriu hoxe o inicio das sesións, que se desenvolverán ata xuño de 2023

A Xunta desenvolve un programa formativo para profesionais do ámbito da protección de nenos e adolescentes

Máis de 300 persoas inscribíronse nesta proposta, dirixida a profesionais do ámbito social, educativo e terapéutico

O obxectivo é facilitar os coñecementos e as ferramentas necesarias para actuar na prevención, detección e intervención con nenos e adolescentes vítimas de feitos traumáticos que afectan ou poden afectar ao seu desenvolvemento

A saúde mental, o maltrato infantil ou a Lei de Protección Integral á Infancia, entre os temas que se abordarán nestas xornadas

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2022

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, fixo fincapé esta mañá na importancia de que os profesionais que traballan no eido da protección de menores actualicen os seus coñecementos e teñan acceso a cursos relacionados co seu traballo. Díxoo na apertura do programa formativo Redes que a Xunta desenvolverá desde o presente mes de novembro ata xuño de 2023.

 

Máis de 300 profesionais dos ámbitos educativo, social e terapéutico inscribíronse para participar nas sesións formativas. Estas realizaranse en tres modalidades: presencial e en liña en directo —os venres alternos de 09:30 a 13:30 horas— e na modalidade diferida.

 

A través desta proposta formativa trátase de que os participantes adquiran os coñecementos imprescindibles, tanto teóricos como prácticos, para traballar na prevención, detección e intervención con menores que sufriron feitos traumáticos que afectan ou poden afectar ao seu desenvolvemento.

 

Contido

O programa formativo Redes está xestionado por Aclad-Alborada, entidade social de referencia neste ámbito. As persoas que impartirán as sesións son profesionais con ampla experiencia nos distintos ámbitos da saúde mental infanto-xuvenil, no campo xudicial e no sistema de protección. Algúns dos temas que se abordarán serán: o maltrato infantil; a educación sexual; a intervención psicolóxica, social e educativa nos procesos de separación familiar e de reintegración; as boas prácticas para o bo trato ao menor ou a Lei de Protección Integral á Infancia.

 

A primeira sesión formativa celebrada esta mañá no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia en San Caetano tratou sobre a saúde mental nos nenos e adolescentes. Esta correu a cargo da médico psiquiatra Beatriz Pinal Fernández, coordinadora do hospital de día infanto-xuvenil da área sanitaria de Vigo.

Imaxes relacionadas