O DOG publica a declaración de utilidade pública de tres novas parcelarias nos concellos de Castroverde, Rairiz de Veiga e Valga que reorganizarán unhas 1.319 hectáreas

Estes novos decretos decláranse mediante a Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga), que busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción

Precisamente, cabe sinalar que estes tres procesos foron solicitados polos titulares das explotacións rexistradas en cada unha das parroquias a reestruturar, co fin de mellorar as condicións estruturais, técnicas e económicas das granxas da zona

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe tres decretos da Consellería do Medio Rural polos que se declaran de utilidade pública tres novas zonas de concentración parcelaria nos concellos de Castroverde, Rairiz de Veiga e Valga. Deste xeito, reorganizarase unha superficie total dunhas 1.319 hectáreas de preto de 1.500 propietarios.

 

Así, estes tres novos decretos de concentración parcelaria decláranse mediante a Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga), que busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción.

 

Precisamente, cabe sinalar que estes tres procesos foron solicitados por titulares de explotacións e apoiados polos respectivos concellos. No caso da parroquia de Castroverde, hai un total de 31 explotacións, na de Rairiz de Veiga son 62 e na de Valga 49, de aí a necesidade de reorganizar o territorio para mellorar as condicións estruturais, técnicas e económicas das explotacións agrarias da zona.

 

A través destes procesos vaise mellorar a estrutura territorial da zona, que no caso de Riomil (Castroverde) afectará unha superficie total 494 hectáreas, repartidas en 1.192 parcelas propiedade de 143 veciños. No caso de Rairiz de Veiga (concello homónimo) reorganizará unha superficie total de 701 hectáreas, repartidas en 5.704 parcelas de 1.007 veciños. Por último, a parcelaria de San Miguel de Valga (Valga) suporá a reestruturación de 124 hectáreas divididas en 2.100 parcelas propiedade de 322 veciños.

 

·         Enlace no DOG ao decreto da parcelaria de Riomil (Castroverde):

 

·         Enlace no DOG ao decreto da parcelaria de Rairiz de Veiga (concello homónimo):

 

·         Enlace no DOG ao decreto da parcelaria de San Miguel de Valga (Valga):

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221111/AnuncioG0426-031122-0005_gl.html