O conselleiro de Sanidade pon en valor o traballo dos profesionais da atención primaria, que atenderon máis de 14 millóns de consultas no que vai de ano

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2022 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, salientou a alta actividade dos centros de saúde e puntos de atención continuada de Galicia que atenderon no que vai de ano máis de 14,2 millóns de consultas, e puxo en valor o traballo de todos os profesionais da Atención Primaria.

Na Jornada SEDISA Norte, celebrada hoxe en Santiago de Compostela pola Sociedad Española de Directivos de la Salud, Julio García Comesaña indicou que, desas 14.200.000 consultas de Atención Primaria -que incrementan en 125.000 as consultas do mesmo período do ano anterior-, un total de 12.758.476 foron atendidas por profesionais de Medicina Familiar e Comunitaria, e 1.516.275 por profesionais dos servizos de Pediatría.

O conselleiro de Sanidade referiuse tamén ao traballo dos profesionais de atención hospitalaria, que no que vai de ano resolveron 3.866.561 consultas en Galicia -151.000 máis que no ano 2021-, o que indica a alta actividade rexistrada nos hospitais.

Os hospitais galegos, segundo destacou o conselleiro, realizaron máis de 100.000 cirurxías no primeiro semestre do ano, 89.000 delas programadas e 15.000 urxentes.

Ademais, Julio García Comesaña destacou que as urxencias atendidas en Galicia no primeiro semestre de 2022 ascenderon a máis de 500.000, incrementando en 100.000 as cifras do ano pasado.

Falta de médicos especialistas

O conselleiro de Sanidade repasou estes datos nunha mesa de diálogo na que tamén participou o conselleiro de Sanidade do Principado de Asturias. García Comesaña lembrou neste foro que o principal problema da sanidade pública na actualidade é a falta de médicos especialistas, e insistiu en que a Xunta articulou todas as medidas ao seu alcance para aliviar a carga de traballo dos médicos de familia e continuar ofrecendo un servizo de calidade aos cidadáns.

 

Imaxes relacionadas