A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, fixo entrega das chaves dos pisos de Argüelles, 1, as súas inquilinas

A Xunta entrega en Ferrol as dúas primeiras vivendas de promoción pública rehabilitadas a través do programa Rexurbe

Ambas vivendas posúen dous dormitorios, salón- comedor, cociña, baño e rocho e as súas adxudicatarias aboarán por elas alugueiros de pouco máis de 140 euros

A través do programa Rexurbe, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda adquiriu no municipio 19 inmobles que, unha vez rehabilitados, darán lugar a 37 vivendas de promoción pública cun investimento total estimado de 10M€
 

Ferrol, 10 de novembro de 2022 A Xunta fixo entrega das dúas primeiras vivendas de promoción pública rehabilitadas a través do programa Rexurbe na cidade. A delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, acompañada da xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Cristina Carrión, foi a encargada de proporcionar esta mañá as chaves ás súas inquilinas. 

Durante o acto que se levou a cabo nun dos pisos en cuestión, ambos situados no inmoble da rúa Argüelles, 1, a representante do Goberno galego felicitou ás adxudicatarias polos seus novos fogares emprazados no barrio de Ferrol Vello e aos que acceden nunhas condicións vantaxosas tras resultar elixidos entre os veciños inscritos no Rexistro único de demandantes de Vivenda. 

Ambas vivendas posúen dous dormitorios, cociña, salón-comedor, baño e rocho e os seus inquilinos aboarán por elas un alugueiro de pouco máis de 140 euros. O inmoble dispón tamén dun baixo comercial que se ofertará para implantar iniciativas empresariais que contribúan a dinamizar a zona, cumprindo así un dos obxectivos cos que se impulsou o programa Rexurbe. A previsión é que salga a poxa pública en 2023. 

Martina Aneiros destacou que se trata das primeiras vivendas do programa Rexurbe rehabilitadas e entregadas na cidade e lembrou que o IGVS adquiriu ata o momento no municipio un total de 19 inmobles, dous deles con licenza, pendentes da contratación das obras; oito en trámites de permisos municipais, e outros sete en fase de redacción de proxectos. 

O investimento previsto a través do Rexurbe na adquisición e rehabilitación destes inmobles na cidade ascende aos 10M€. A delegada territorial lembrou ademais os 1,6 M€ incluídos no proxecto de Orzamentos de 2023 para seguir avanzando na adxudicación de novas obras e na redacción de proxectos. 

Programa Rexurbe

O programa Rexurbe é unha iniciativa do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para a adquisición de inmobles deteriorados ou en estado de abandono co obxectivo de recuperalos e destinalos a vivendas de alugueiro social.  

Ao amparo desta iniciativa, segundo explicou a representante do Goberno autonómico, o IGVS comprou xa un total de 83 inmobles —entre edificios e solares— nunha decena de municipios galegos e cun investimento estimado en 35,4 millóns de euros, tanto para as operacións de compra, como para a súa rehabilitación posterior. 

No caso de Ferrol, as intervencións previstas nos 19 inmobles adquiridos, permitirán obter 37 vivendas de promoción pública e catro locais comerciais. Unha cifra que seguirá crecendo, tal e como apuntou Martina Aneiros, ao lembrar que a mediados do pasado mes de xullo a Xunta pechou un novo prazo de presentación de ofertas de adquisición por parte dos propietarios de inmobles na Área Rexurbe de Ferrol que se circunscribe ao barrio de Ferrol Vello. 

A área Rexurbe de Ferrol, a sexta de Galicia, foi declarada o pasado mes de xaneiro. Abrangue unha superficie de 105.300 metros cadrados e nela localízanse 269 edificios e 1.019 vivendas.

 
 

 

Imaxes relacionadas