A Xunta adxudica o proxecto e a dirección de obra para rehabilitar dous inmobles na rúa Catedral, na Tinería

O delegado territorial, Javier Arias, confirma que se recuperarán para vivendas de promoción pública coa intención de continuar coa rexeneración urbana e a revitalización do casco antigo de Lugo
 

Lugo, 10 de novembro de 2022

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de adxudicar o contrato de redacción do proxecto e dirección de obra para rehabilitar os inmobles situados nos números 18 e 22 da rúa Catedral, no barrio lucense da Tinería, actuación á que destina un investimento de 28.500 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que o prazo para presentar o proxecto é de tres meses. Unha vez aprobado o deseño, procederase a licitar as obras, para as que se estima unha duración aproximada dun ano. Os edificios pasarán a formar parte do parque de vivendas de promoción pública que xestiona na cidade o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), organismo que investiu 84.117 euros na compra destas dúas casas.

Seguimos dando pasos na rexeneración urbana e a revitalización do casco antigo, atraendo poboación e servizos ao barrio”, apuntou Arias. Neste sentido, insistiu en que “o compromiso da Xunta coa Tinería é firme e demóstrase na acción continuada que desenvolvemos, nos distintos proxectos en marcha, que refutan calquera intento de ocultación por moito que se empeñen algúns en negalos”.

Neste sentido, Javier Arias fixo fincapé en que “tamén é responsabilidade do Concello velar polo mantemento e bo estado dos inmobles do casco histórico e articular as medidas necesarias para que os propietarios cumpran coa normativa vixente”.

Os edificios da rúa Catedral foron adquiridos pola Consellería na oferta de compra lanzada ao abeiro do programa Rexurbe, mediante o que pasaron a mans públicas inmobles que estaban abandonados ou en estado de semiabandono en cascos históricos de diversas vilas e cidades galegas.

Tal é o caso destas antigas vivendas, xa que nunha delas apenas queda en pé a primeira planta e a outra só conta coa estrutura exterior, tamén moi deteriorada.


Imaxes relacionadas