Rueda adianta que os investigadores dos centros públicos galegos contarán cun estatuto para darlles estabilidade e mellorar a súa calidade laboral
O Consello da Xunta inicia os trámites para aprobar un decreto que fixará un marco laboral que oriente a contratación do futuro
O presidente autonómico considera que esta estabilidade non só servirá para atraer a investigadores doutros países e comunidades, senón para que retorne o talento investigador galego que está neste intre traballando fóra
O mandatario galego precisou que hoxe se abre o prazo da consulta pública previa para recibir achegas do colectivo coa previsión de que estea aprobado no “primeiro semestre” do ano que vén
Pon en valor que reforzará a investigación e o desenvolvemento de tecnoloxías que se realiza nos centros públicos para consolidar as capacidades de Galicia en sectores estratéxicos como a biotecnoloxía, a saúde, as ciencias mariñas ou o agrogandeiro
Óptase polo réxime laboral por ser o que mellor se adapta aos perfís e necesidades dos centros a través dun sistema que busca a excelencia
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, adiantou hoxe que o persoal investigador dos centros públicos de Galicia contará cun estatuto que permitirá fixar un marco laboral, que oriente a contratación do futuro, lles dará estabilidade e mellorará a súa calidade laboral.
Rueda informou de que Goberno galego iniciou hoxe no Consello da Xunta os trámites para estabilizar a carreira investigadora na Administración galega a través dun decreto que fixará o Estatuto deste persoal. Desde hoxe ábrese un prazo de 15 días naturais para realizar unha consulta pública previa e recibir as achegas do colectivo co obxectivo, segundo avanzou o presidente, de que poida estar aprobado “no primeiro semestre do ano que vén”.
“A investigación en i+D+i é moi importante, pero a levan a cabo persoas que precisan estabilidade e certezas na súa vida laboral”, defendeu Rueda, quen considerou que o marco laboral que fixe este estatuto non só vai resultar atractivo para atraer a investigadores doutros países e comunidades, senón para que volva a Galicia ese “talento investigador” que está traballando fóra.
Tamén puxo en valor que se reforzará a investigación e o desenvolvemento de tecnoloxías que se están a realizar nos centros do sector público galego para consolidar as capacidades en eidos estratéxicos como a biotecnoloxía, a saúde, as ciencias mariñas ou o agrogandeiro.
O presidente da Xunta explicou que se opta polo réxime laboral con acceso por concurso de méritos xa que, segundo argumentou, é o sistema que “favorece a flexibilidade e mobibilidade” que require o traballo nestas entidades.