O conselleiro do Medio Rural asistiu hoxe á inauguración do restaurante Vértigo, impulsado por Bodegas Regina Viarum

A Xunta investirá o ano que vén ata 1,5 M€ en materia de seguros agrarios para explotacións vitícolas asociadas a Denominacións de Orixe

Outros 5,4 millóns de euros destinaranse en 2023 a promocionar os produtos galegos de calidade mediante feiras ou campañas

José González gabou o novo establecemento de Regina Viarum como fórmula para gañar adeptos non só aos viños da denominación de orixe Ribeira Sacra, senón ao mellor da gastronomía galega

Nesa liña, cabe lembrar que se está a tramitar a futura Lei da calidade de Galicia, mentres avanza a aplicación da Lei de recuperación da terra agraria e a Estratexia de dinamización das comarcas vitivinícolas

Sober (Lugo), 10 de novembro de 2022 

A Xunta investirá o ano que vén ata 1,5 millóns de euros en materia de seguros agrarios para explotacións vitícolas asociadas a denominacións de orixe. Deste xeito, protéxense os nosos viñedos dos fenómenos meteorolóxicos extremos que, ademais, veñen afectando especialmente a Ribeira Sacra.

Son datos que se poñen en valor co gallo da inauguración do restaurante Vértigo, impulsado por Bodegas Regina Viarum, onde o conselleiro do Medio Rural, José González, estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e á que tamén asistiu a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro.

Así, tamén cabe salientar os 5,4 millóns de euros que irán destinados á promoción dos produtos galegos de calidade, en liña coa segunda edición da feira Galicia Etiqueta Calidade que se celebrou para evidenciar todo o labor que hai detrás da produción alimentaria galega con calidade diferenciada.

En concreto, estes cartos terán como finalidade aumentar a presenza en feiras, fomentar ciclos curtos de comercialización como o mercado dixital posto en marcha pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, apoiar o labor de promoción dos consellos reguladores de selos de calidade como a denominación de orixe Ribeira Sacra e a realización de campañas.

Na súa intervención, o conselleiro considerou o novo establecemento unha fórmula perfecta para gañar adeptos aos viños amparados pola denominación de orixe Ribeira Sacra, combinando tradición e innovación. Para seguir afondando no crecemento do sector, aludiu ás medidas recollidas na Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, co fin último de consolidar a nosa comunidade como referente internacional de viños de calidade, ademais de como principal destino enoturístico.

Así mesmo, cómpre lembrar que se está a tramitar a futura Lei da calidade alimentaria que busca servir de panca para asentar a produción de proximidade, sa, sustentable e de calidade que sempre identifica Galicia no ámbito gastronómico.

A maiores, cabe referirse á aplicación da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que está a mobilizar unha superficie superior ás 9.300 hectáreas máis dun ano despois da súa entrada en vigor. O obxectivo é seguir poñendo terra en valor e ampliando a base territorial das explotacións galegas mediante actividade económica que serve -ao tempo- de devasa natural fronte aos lumes. Non só con figuras como as aldeas modelo, senón tamén con polígonos agroforestais como os destinados ao cultivo do viñedo, que cada vez se espallan por máis recunchos do noso territorio. 
 

Imaxes relacionadas