A Xunta adxudica por preto de 270.000 euros a execución do ‘by-pass’ no río Anllóns, en Carballo, co obxectivo de minimizar o risco de inundacións

A intervención, que conta cun prazo de execución de 6 meses, mellorará a capacidade hidráulica do río ao seu paso pola zona de Muíño do Quinto
 

Trátase da 1ª actuación que se impulsa no convenio de colaboración co Concello de Carballo para impulsar as obras identificadas como prioritarias no plan de xestión de inundacións específico desta área, cun investimento global de 3 M€
 

A Xunta mantén a cooperación entre todas as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ás inundacións e acadar unha máis rápida recuperación fronte ás súas posibles consecuencias, tendo en conta o contexto de cambio climático

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou hoxe por 268.046 euros a execución das obras do ‘by-pass’ no río Anllóns na zona de Muíño do Quinto, en Carballo.

 

Este contrato, adxudicado á empresa Vázquez Reino, S.L., conta cun prazo de execución de 6 meses e céntrase na mellora da capacidade hidráulica do río ao seu paso polo emprazamento de Muíño do Quinto.  

 

O investimento global da actuación superará os 331.300 euros, tendo en conta as expropiacións necesarias para a realización dos traballos.

 

As obras obxecto de contratación permitirán executar a apertura dunha canle trapezoidal que posibilite derivar caudal en períodos de avenida. Para iso tense deseñado unha rasante lixeiramente máis elevada respecto á canle, para que en réxime natural o río circule polo seu leito pero que, cando se produza un desbordamento, a auga poida ser canalizada pola canle de derivación que se vai a construír.

 

Para levar a cabo esta actuación, crearase un paso transversal da auga baixo a calzada que atravesa a canle. Este aspecto resolverase coa construción dun marco in situ de formigón armado. Ademais, a senda fluvial tamén se verá afectada pola apertura da canle, polo que se ten proxectada a construción dunha pasarela de madeira de 10 metros de luz que dea continuidade ao trazado.

 

Máis concretamente, o proceso construtivo consiste, primeiramente, en realizar o marcado da zona expropiada e levar a cabo as tarefas de roza e retirada de elementos que se atopen situados na zona de traballo. Unha vez preparada a zona de obra, comezarase co movemento de terras executando a canle do ‘by- pass’, tanto augas arriba como augas abaixo, mantendo o camiño asfaltado en servizo ata o final, xa que esta calzada servirá de zona de paso para a maquinaria durante as obras.

 

Paralelamente, irase executando a pasarela de madeira que dará continuidade á senda fluvial que transcorre pola marxe esquerda do río Anllóns, xunto coa senda fluvial que será necesario repoñer. Unha vez finalizado o movemento de terras, actuarase na calzada.

 

Demolerase o pavimento e realizarase a escavación ata a cota de cimentación. Realizarase o saneo da zona de apoio, colocarase o xeotéxtil e o formigón de limpeza sobre a que asentarán os marcos.

 

O marco executarase in situ e unha vez finalizado, disporanse os recheos do trasdós, estenderase o pavimento e colocaranse os elementos de sinalización, balizamento e defensas. Inclúese ademais, unha partida de estendido de zahorra para a reposición dun camiño municipal que dará acceso ás parcelas que verán interrompido o seu acceso pola construción da canle.

 

Plan de xestión da área de risco de inundación do río Anllóns

Esta actuación está incluída entre as previstas pola Xunta para reducir o risco de inundacións neste río, ás que se destina un investimento global de 3 millóns de euros, no marco do convenio de colaboración co Concello de Carballo para desenvolver os proxectos construtivos e a execución das obras identificadas como prioritarias no plan de xestión específico da área de risco potencial significativo de inundación do río Anllóns.

 

Segundo ese acordo, a Xunta asume integramente a contratación da redacción e aprobación dos proxectos das intervencións e a execución das obras, e o Concello de Carballo porá á disposición os terreos necesarios e realizará as xestións para posibilitar a súa execución, así como o seu posterior mantemento e conservación.

 

O primeiro proxecto adxudicado é a realización deste ‘by-pass’ no río Anllóns, na zona de Muíño do Quinto.

 

Ademais, no marco do Plan de xestión do risco de inundacións do río Anllóns, a entidade hidráulica da Xunta está a analizar as ofertas recibidas para executar as obras de remodelación do parque de San Martiño de Carballo, licitadas por máis de 336.000 euros.

 

As outras actuacións correspóndense cos proxectos de demolición dunha edificación, remodelación da ponte e creación dunha canle de augas altas na rúa Sol; a remodelación da ponte da rúa Fomento, con motas de contención augas abaixo; e a mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace entre a autoestrada AG-55 e a estrada AC-552, no lugar da Cepeira, en Sísamo.

 

Plan de xestión específico do risco de inundacións do río Anllóns

Estas medidas enmárcanse no Plan de xestión específico do risco de inundacións para o río Anllóns en Carballo, que recolle unha serie de actuacións, paliativas e preventivas, de aplicación por Augas de Galicia e o Concello.

 

Todas as intervencións apostan pola naturalización do leito do río e polas infraestruturas verdes, fronte a solucións máis duras baseadas na construción de infraestruturas que afastan aínda máis os ríos do seu estado natural.

 

As accións de prevención van encamiñadas ao mantemento do leito, a unha axeitada ordenación urbanística ou, por exemplo, a instalar un novo punto de predición do sistema de alerta temperá na conca do río Anllóns e dunha estación de aforo para medir os caudais.

 

As medidas de recuperación e revisión tras as inundacións diríxense a longo prazo.

 

Neste caso, o desenvolvemento do Plan de Actuación Municipal fronte a inundacións resulta fundamental, cos protocolos que teña definido para a recuperación tras unha enchente. Tamén resulta necesario informar e promover entre os particulares a contratación de seguros de protección fronte a inundacións no ámbito do Anllóns.

 

As obras previstas no convenio entre a Xunta e o Concello serán cofinanciadas con fondos europeos do programa operativo Feder 2014-2020.

 

O departamento que preside Ethel Vázquez mantén a aposta pola colaboración entre todas as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ás inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias, tendo en conta o contexto de cambio climático, no que estes episodios extremos son cada vez máis frecuentes.