A Xunta comunica ao Concello de Vigo que abrirá a nova estación de autobuses o vindeiro 5 de decembro coincidindo coa apertura do túnel de Lepanto e o fin das obras do HALO
A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, agarda que o Goberno municipal desbloquee os accesos a finais de novembro
“Iniciamos o proceso de traslado para a apertura da nova terminal sempre e cando o Concello finalice os seus traballos”, sinalou
O oficio remitido desde a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade indica as catro novas paradas que haberá nas rutas ata Urzaiz
Vigo, 10 de novembro de 2022 A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou este xoves de que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comunicou de forma oficial ao Concello de Vigo a data de apertura da nova estación de autobuses e as catro novas paradas nos percorridos ata a intermodal de Urzaiz.
A representante autonómica explicou que no oficio remitido ao Goberno municipal indícase as novas instalacións estarán preparadas para a súa posta en funcionamento o vindeiro 5 de decembro. Como xa explicara Fernández-Tapias o pasado martes, será necesario que estean acabadas as obras dos apeos do ascensor HALO, que a día de hoxe bloquean os accesos.
“Iniciamos o proceso de traslado para a apertura da nova terminal sempre e cando o Concello finalice os seus traballos”, apuntou. Ademais, explicou que “a apertura da estación no centro de Vigo vai a supoñer unha mellora moi importante para os usuarios ao poder desembarcar no centro da cidade e conectar directamente coa terminal de tren”.
A nova estación está finalizada desde hai cinco meses, posto que foi entregada o pasado 10 de xuño, tras un investimento de 18 millóns por parte da Xunta. Agora, comeza o proceso para desenvolver os traballos de adaptación dos servizos públicos de transporte regular de viaxeiros por estrada de uso xeral de competencia autonómica.
Tal e como explica o oficio remitido ao Concello, no marco destes traballos detectouse a concorrencia de motivos de interese público no establecemento de catro novas paradas en zona urbana do Concello de Vigo: dúas na Avenida Gregorio Espino, unha na Avenida de Madrid e outra na Praza de España.
Coordinación coas concesionarias
Fernández-Tapias e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, xa visitaron o pasado martes a novas instalacións e avanzaron que o Goberno galego xa iniciou o proceso de traslado da estación e comezou as reunións coas concesionarias do transporte para coordinar o cambio.
A delegada territorial lembrou tamén que desde o Concello de Vigo non responderon a ningunha das cartas enviadas os pasados26 de xuño e 28 de xullo para coñecer as datas nas que acaban as súas obras de accesos, sen os que é imposible abrir a estación. Xa entón a responsable reclamaba que o Goberno local comunicase as datas de fin de obras e os permisos do Ministerio de Transportes, condicións que agora se cumplirían coa apertura do túnel de Lepanto.