A Xunta impulsa a colaboración de Anfaco-Cecopesca e o grupo Angulas Aguinaga para innovar na produción de moluscos
A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou en Cambados na presentación de Promogal, a nova Unidade Mixta de Investigación a través da cal o centro tecnolóxico e o grupo empresarial vasco avanzarán na aplicación de procesos de transformación máis sostibles e intelixentes e no desenvolvemento de produtos novos e máis saudables
Esta Unidade Mixta é a quinta na que participa Anfaco-Cecopesca e unha das 55 desenvolvidas en Galicia desde a posta en marcha deste programa da Administración autonómica que ten mobilizado preto de 155 millóns de euros
A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá no acto de presentación da nova Unidade Mixta de Investigación Promogal, impulsada polo centro tecnolóxico Anfaco-Cecopesca e as empresas Lagumar Seas e Angulas Aguinaga (ambas as dúas do grupo Angulas Aguinaga) que investigará nos vindeiros tres anos para mellorar a produción dos moluscos incorporando tecnoloxías avanzadas e dixitalización.
Cooperación para impulsar a I+D+i
As Unidades Mixtas de Investigación son un instrumento de cooperación entre organismos de investigación e o tecido empresarial impulsado pola Xunta de Galicia para desenvolver conxuntamente actividades de I+D+i estratéxicas para Galicia co obxectivo de impulsar a transferencia ao tecido industrial e a atracción de empresas cara a Galicia. Esta é a quinta Unidade Mixta impulsada polo centro tecnolóxico Anfaco-Cecopesca. En total, desde a posta en marcha deste programa en 2014, a Xunta de Galicia apoiou 55 Unidades Mixtas de Investigación, coa participación de 39 empresas -a maioría grandes compañías- e 14 centros de coñecemento e un investimento mobilizado de preto de 155 millóns de euros.