A Xunta acomete melloras de eficiencia enerxética no alumeado de Freixo, Nane e Paradela, no concello de Crecente, cun investimento de 40.000€

O delegado territorial, Luis López, acompañado do alcalde, Julio César García-Luengo, supervisou esta actuación, que permite un aforro do 70% no consumo, ao tempo que se incrementa a luminosidade e a vida útil das luminarias destas tres aldeas

O proxecto recolleu a renovación dos 41 puntos de luz destes lugares das parroquias de Freixo e Albeos coa colocación de novos brazos de aceiro galvanizado, sistemas de protección con caixas de fusibles e luminarias de tecnoloxía Led de 40W

“Estamos ante un proxecto impulsado polo Concello de Crecente e apoiado pola Xunta a través do Fondo de Compensación Ambiental que só ten vantaxes, xa que reduce o consumo e a factura enerxética municipal, aumenta a visibilidade e é moito máis respectuoso co medio ambiente”, explicou o representante autonómico
 

Crecente, 10 de novembro de 2022.-

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, vén de acometer un proxecto global de mellora de eficiencia enerxética no alumeado público dos lugares de Freixo, Nane e Paradela, no Concello de Crecente, cun investimento de 40.000 euros.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado do alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, supervisou esta actuación, que foi financiada ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) e permite un aforro medio de arredor do 70% no consumo destas tres poboacións, ao tempo que incrementa a luminosidade da vía pública e a vida útil das luminarias.

 

“Estamos ante un proxecto impulsado polo Concello de Crecente e apoiado pola Xunta a través do Fondo de Compensación Ambiental, unha liña de axudas que encaixa como unha luva nesta iniciativa. Trátase dunha actuación que quedou moi ben executada e que só ten vantaxes, posto que reduce o consumo e, por tanto, o custo da factura enerxética municipal, aumenta a visibilidade e é moito máis respectuosa co medio ambiente”, explicou o representante autonómico.

 

O proxecto contemplou a renovación dos 41 puntos de luz dos lugares de Freixo e Nane, ambos pertencentes á parroquia de Freixo, e de Paradela, da parroquia de Albeos, coa substitución das antigas lámpadas de vapor de mercurio ou de sodio, segundo o caso, por novas luminarias de tecnoloxía Led de 40W, que confiren máis luz á vía pública e teñen unha maior durabilidade.

 

Nas treas aldeas montáronse novos puntos de suxección a base de brazos de aceiro galvanizado e instaláronse as novas luminarias xunto con renovados sistemas de protección de caixas de fusibles. No caso de Freixo, a actuación completouse coa instalación de seis farolas no campo da festa e no acceso ao cemiterio, mentres que en Nane e Paradela colocáronse cadros de mando novos e senllos reloxios astronómicos para regular o acendido e apagado segundo as necesidades pola luz solar existente en cada momento.

 

Deste xeito, en Freixo o consumo reducirase de 3.125W a 914W, o que supón un 70,7%; en Nane pasouse de 750W a 210W de potencia, o que mingua un 72%; e en Paradela rebaixouse de 1.250W a 350W, tamén un 72% menos.

Imaxes relacionadas