A Xunta organiza no CIF de Lourizán unha xornada sobre as especies arbóreas nas zonas atlánticas de cara á súa adaptación fronte ao cambio climático

Programada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a acción no Centro de Investigación Forestal de Lourizán está prevista o xoves 17 de novembro

Enmarcada no Plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e de información ao agro galego 2022, a iniciativa contempla unha visita a unha das parcelas onde se está levando a cabo o proxecto comunitario Reinfforce

O CIF de Lourizán conta co maior número de rexistros da rede europea de 41 campos de demostración e 38 arboredos establecida, que busca incrementar a rendibilidade da superficie forestal mediante a plantación de especies mellor adaptados ao medio
 

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2021.-

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten previsto celebrar o próximo xoves 17 de novembro no Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán unha xornada sobre as especies arbóreas nas zonas atlánticas de cara á súa adaptación fronte ao cambio climático. Enmarcada no Plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e de información ao agro galego 2022, a iniciativa arrancará ás 10,00 horas e albergará unha visita á parcela onde o centro está levando a cabo o proxecto comunitario Reinfforce (Resource Infraestructures for monitoring, adapting and protecting European Atlantic Forests under Changing climate), para estudar a resposta de diferentes especies.

Nesa liña, cabe destacar que o CIF de Lourizán conta co maior número de rexistros da rede establecida de 41 campos de demostración e 38 arboredos espallados polo arco atlántico europeo, nun rango de altitude, temperatura e precipitacións moi amplo e instalados en zonas con diversas características topográficas e edafolóxicas. En concreto, a representación galega da devandita rede está formada por tres arboredos (un deles en Lourizán) e seis campos de demostración de prácticas silvícolas en carballeiras e bidueirais.

Os arboredos son campos de ensaio nos que están representadas 38 especies forestais, cun número de procedencias que vai desde unha ata sete por especie, conformando unha media de 123 unidades xenéticas por arboredo, con rexións de procedencia das especies ensaiadas dun contexto xeográfico moi amplo. En 2012 leváronse a cabo as plantacións en todos os arboredos e, desde entón, desenvólvese o protocolo de medicións elaborado polos socios do proxecto: supervivencia, medicións anuais do arboredo, seguimento fitosanitario estacional e estado das copas, información meteorolóxica, podas e mantemento das árbores e control da matogueira para evitar a competencia.

Os resultados dos ensaios nos arboredos permitirán seleccionar especies e procedencias adaptadas ás condicións diferenciadas dentro do territorio galego e potenciar as vantaxes do establecemento destas especies como fonte de beneficios económicos, ambientais e sociais. Despois de 10 anos, a nivel galego pódense extraer xa algúns resultados e tendencias que son de interese para o sector forestal, co fin de iniciar a adaptación cara a especies ou procedencias que poidan facer fronte ao cambio climático dunha maneira máis efectiva. Nesa dirección, nas visitas de campo mostrarase o estado actual dos arboredos Reinfforce e o comportamento diferencial das especies e procedencias establecidas.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través do Plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e de información ao agro galego, busca dar a coñecer novidades no sector ou a aplicación de produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías xa existentes en condicións onde tradicionalmente non se empregasen previamente, como é o caso da que centra esta acción. Todos os interesados en acudir á xornada do próximo 17 de novembro poden solicitalo enviando un correo electrónico ao enderezo infolourizan.mr@xunta.gal, tras cubrir o formulario que poden descargar na seguinte páxina: https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/transferencia-tecnoloxica/plan-de-transferencia-tecnoloxica-2022. Se precisan calquera información adicional, poden chamar ao teléfono 986 805 004.

Departamento:
C. do Medio Rural