A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade detallou hoxe no Parlamento que esta actuación, que inclúe a pasarela sobre a ría do Burgo supón investir 8 M€ e prevé un tránsito diario de máis de 3.000 peóns e ciclistas

Ethel Vázquez salienta que a senda litoral entre A Coruña e Oleiros é un proxecto ambiental e a maior aposta pola mobilidade sustentable feita na contorna

Vázquez Mourelle remarca que a proposta dunha pasarela entre Oza e Santa Cristina está avalada por informes técnicos sobre o impacto ambiental, a mobilidade e a dinámica do litoral

Apunta que a alternativa ambiental do BNG a este proxecto é a ampliación da Ponte Pasaxe, destinada a facilitar o acceso de máis tráfico rodado á Coruña desde Oleiros

Subliña o rigor, a transparencia e a vontade de diálogo da Xunta cos concellos de Oleiros e da Coruña, que recibiron puntualmente toda a información dispoñible en cada momento e convocados a reunións técnicas

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe que a senda litoral entre A Coruña e Oleiros, coa execución da pasarela de Santa Cristina, é un proxecto ambiental e representa a maior aposta pola mobilidade sustentable feita na cidade e na súa contorna.

 

Vázquez Mourelle abordou esta tarde no Parlamento esta intervención que suporá un investimento da Xunta de arredor de 8 millóns de euros.

 

A conselleira subliñou o rigor e transparencia da Xunta no impulso desta senda litoral, que conectará a praia de Oza e o CHUAC coa praia de Santa Cristina. Esta iniciativa contempla a construción dunha pasarela sobre a ría do Burgo de 800 metros de lonxitude para fomentar a mobilidade sustentable na contorna da Coruña, que se estima poden empregar diariamente máis de 3.000 peóns e ciclistas.

 

Subliñou o traballo da Xunta que, tras sopesar outras moitas posibilidades, e estudar, avaliar e contrastar todas a propostas, optou pola senda litoral entre A Coruña e Oleiros, ao ser un proxecto xa maduro, que conta con todas as garantías e co sustento dos informes previos correspondentes.

 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta remarcou que se trata dunha proposta que está avalada polos informes técnicos, tanto desde o punto de vista ambiental, como da mobilidade ou da dinámica do litoral, que garanten que non hai grandes afeccións, apuntou.

 

Ethel Vázquez manifestou a súa sorpresa polo feito de que a alternativa do BNG a este proxecto sexa a ampliación da Ponte Pasaxe, unha actuación destinada a facilitar o acceso de máis tráfico rodado á Coruña desde Oleiros.

 

Sinalou que tanto o Concello de Oleiros como o Concello da Coruña recibiron puntualmente toda a información dispoñible en cada momento. Referiuse así á proposta da estrutura deseñada polo grupo de Mecánica de Estruturas da Escola Superior de Camiños, Canais e Portos da Coruña e ao estudo de dinámica litoral da pasarela elaborado polo Instituto de Hidráulica Ambiental da Universidade de Cantabria.

 

Incidiu en que a administración autonómica actuou en todo momento con rigor, transparencia e con vontade de diálogo e de colaboración cos concellos da Coruña e de Oleiros. Tal e como está a facer, dixo, con outros concellos de Galicia, como Santiago ou Ourense, nos que tamén a Xunta quere desenvolver proxectos que responden aos mesmos criterios de mobilidade sustentable.

 

Nesta liña, Ethel Vázquez lamentou que o Concello de Oleiros manifestase, desde o primeiro momento, o seu rexeitamento a este proxecto ambiental e que o Concello da Coruña, pese á petición realizada desde a Xunta, siga sen pronunciarse aínda se está a favor ou non de que a Xunta invista 8 M€ na construción desta senda litoral.

 

Vázquez Mourelle rexeitou calquera imposición da Xunta na promoción desta senda litoral entre Oleiros e A Coruña, pero defendeu que se trata dun proxecto ambiental e de mobilidade sostible beneficioso para ambos os municipios.

 

A conselleira destacou a seriedade e viabilidade do proxecto, así como o procedemento específico seguido pola Xunta para poder impulsar con maior axilidade este tipo de actuacións para poder acceder aos fondos Next Generation. Referiu que se trata dun proxecto viable e maduro que se adapta aos criterios e ao cumprimento de prazos imposto polo Goberno de España.

 

Ethel Vázquez insistiu tamén que a intención da Xunta non é desenvolver iniciativas de mobilidade sustentable desta envergadura e transcendencia se non se conta co respaldo das administracións locais afectadas. Facer isto, como se dixo desde o primeiro momento, non tería ningún sentido, concluíu.

Imaxes relacionadas