A Xunta defende o compromiso de Galicia coa transformación dixital e sustentable da industria

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destaca no Parlamento que as prioridades son impulsar o binomio industria-sustentabilidade; inxectar innovación no tecido empresarial; e manter o mellor ciclo exportador da historia da Comunidade

A Administración autonómica traballa tamén para facer que os proxectos que se estuden implantar en Galicia teñan á súa disposición todos os incentivos e todas as medidas de acompañamento necesarias
 

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2022.-

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinalou esta tarde no Parlamento que Galicia ten en marcha a súa axenda industrial para 2030, co obxectivo de impulsar a transformación dixital e sustentable do tecido produtivo galego, así como a innovación e a internacionalización.

 

As prioridades son impulsar o binomio industria-sustentabilidade; inxectar innovación no tecido empresarial; e manter o mellor ciclo exportador da historia de Galicia; ademais de facer que os proxectos de investimento en Galicia teñan á súa disposición todos os incentivos e todas as medidas de acompañamento necesarias, con figuras como os proxectos industriais estratéxicos e de interese autonómica e as iniciativas empresariais prioritarias.

 

O vicepresidente económico lembrou ademais que Galicia conta cunha lei que simplifica os tempos de tramitación dos proxectos e alivia de cargas burocráticas ás empresas, , e no plano do investimento, cunha Axenda Financeira dotada con 140 millóns de euros para apoiar a solvencia e dar liquidez ao tecido empresarial galego. E estas actuacións desenvólvense en liña coa Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), a credencial ante Europa para acceder aos fondos comunitarios. Un dos obxectivos desta folla de ruta é que o investimento en I+D acade o 2% do PIB en 2030.

 

Conde sinalou que Galicia conta con máis dunha trintena de proxectos industriais, que grazas ás medidas adoptadas pola Xunta e ao traballo de case dous anos co tecido empresarial e cos centros de coñecemento, están en condicións de acceder aos fondos Next Generation. Estes proxectos transformadores e maduros vincúlanse coa economía circular, como o de Altri ou a planta de fabricación de fertilizantes de Reganosa, Repsol e Naturgy; coas novas fontes de enerxía renovables, como a planta de hidróxeno verde de Reganosa e EDP nas Pontes; ou o de Nervión de estruturas para eólica offshore. A biotecnoloxía, coas iniciativas de Zendal, Indukern e Lonza; o sector agroalimentario, con Estrella Galicia, Profand e Jealsa impulsando proxectos; e a mobilidade do futuro, con Stellantis ou Showa Denko, son outros dos ámbitos nos que se centran os proxectos industriais que Galicia ten en carteira.

Imaxes relacionadas