Preto de 500 comercios da cidade da Coruña xa participan no programa Bono Activa Comercio da Xunta de Galicia

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, lembra que os comerciantes poden seguir sumándose ata o 30 de novembro a esta iniciativa que xa mobilizou preto de 400.000 euros en vendas na cidade


Heredia participou na rúa Barcelona no sorteo da iniciativa ‘Mercar no teu comercio ten premio’, organizada a nivel autonómico pola Federación Galega de Comercio, e que contribúe tamén a dinamizar as compras no comercio de proximidade
 

A Coruña, 9 de novembro de 2022

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, lembrou hoxe na Coruña que os comerciantes galegos poden sumarse ata o 30 de novembro ao programa do Bono Activa Comercio, unha iniciativa na que xa participan preto de 500 negocios da cidade e que mobilizou xa case 400.000 euros en vendas no comercio de proximidade do municipio en pouco máis de dúas semanas, desde que se puxo en marcha o pasado 24 de outubro.

 

A Xunta destina 5 millóns de euros a este programa co que se busca impulsar as compras no comercio de proximidade, atraendo clientela aos establecementos locais e contribuíndo ao mesmo tempo a aliviar o impacto da inflación na capacidade de gasto dos fogares galegos. Máis de 166.000 consumidores de toda Galicia todos os descontos de 30 euros dispoñibles a través deste programa, e teñen agora ata o 31 de decembro para realizar as súas compras. 

 

Heredia participou na rúa Barcelona no sorteo da campaña Mercar no teu comercio ten premio, impulsada pola Federación Galega de Comercio co apoio da Xunta de Galicia co obxectivo de achegar o consumidor aos establecementos locais e poñer en valor as súas vantaxes. A iniciativa desenvólvese en máis de 40 localidades de toda Galicia, sorteando máis de 40.000 euros en premios entre os clientes do comercio de proximidade.

 

A campaña estenderase ata finais de novembro a través de campañas dunha semana de duración en cada unha das localidades. Os tíckets das compras realizadas no comercio local nese tempo poderán cambiarse o día final da campaña por boletos de participación no sorteo en directo de premios, consistentes en tarxetas prepago de 30 e 50 euros. Nesta ocasión a iniciativa contou coa colaboración da Federación de Comercio da Coruña e da Asociación de Comerciantes da Rúa Barcelona. Todos os clientes que realizaran compras no comercio de proximidade desde o pasado 2 de novembro puideron participar no sorteo en directo de 1000 euros en premios.

 
 

Estes programas da Xunta súmanse ás diferentes liñas de axudas específicas para o comercio galego promovidas pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, centradas en eidos como a transformación dixital e a modernización do sector, así como para a dinamización e incentivación do consumo a través dos centros comerciais abertos e federacións de comerciantes e o impulso das prazas de abastos.