A Xunta adquire por 5,8 M€ sete novas salas de hemodinámica para os hospitais do Sergas

O conselleiro de Sanidade visitou o hospital de Montecelo, no que se instalará un equipo valorado en 800.000 euros que ampliará servizos ao permitir contar por primeira vez cunha sala exclusiva de hemodinámica

García Comesaña lembra que a Xunta complementou con fondos propios os fondos europeos Next Generation que ten utilizado para contratar a renovación de 76 equipos de alta tecnoloxía no Sergas

O hospital pontevedrés recibirá un total de oito novos equipamentos por un valor superior aos 9 millóns de euros

Pontevedra, 9 de novembro de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou hoxe que a Xunta adxudicou por un importe de 5,8 millóns de euros os contratos para adquirir sete novos equipos de hemodinámica para a rede de hospitais do Servizo Galego de Saúde.

Julio García Comesaña fixo este anuncio nunha visita á Unidade de Coronarias e á planta de Ecocardioloxía do Hospital Montecelo de Pontevedra, onde se instalará un destes novos equipos, que terá un custo de 800.000 euros e suporá a ampliación da dotación tecnolóxica do complexo hospitalario.

Acompañado do xerente da área sanitaria, José Flores, e dos responsables de Cardioloxía do hospital, o conselleiro de Sanidade explicou que, se ben seis dos sete novos equipos corresponden con renovacións de equipamento, no caso do hospital pontevedrés a adxudicación permitirá a creación, por vez primeira, dunha sala exclusiva de hemodinámica, “o que suporá un importante avance para a prestación deste servizo no Complexo Hospitalario de Pontevedra e terá repercusión nos pacientes, salvando máis vidas e mellorando a calidade de vida de moitas persoas”.

Julio García Comesaña lembrou que a compra deste novo equipamento foi posible a través dos fondos europeos Next Generation para a renovación de alta tecnoloxía sanitaria, que a Xunta incorporou nos Orzamentos de 2022 e complementa con fondos propios para poñer toda a tecnoloxía punteira ao servizo das sete áreas sanitarias.

En particular, estes fondos permitiron licitar 8 equipos por máis de 9,4 millóns, todos eles para o Complexo Hospitalario de Pontevedra. Deles, 3 son renovacións de equipamento: 2 novos TAC, un deles con tecnoloxía espectral, e 1 resonancia magnética. E os cinco restantes son ampliacións.

O responsable da sanidade galega incidiu en que coa licitación do novo equipamento, a Xunta pensa no futuro do novo hospital Montecelo, que permitirá crear en Pontevedra os novos servizos de Radioterapia e Medicina Nuclear. Neste sentido, lembrou a recente adxudicación de equipamento para estes novos servizos, como dous aceleradores lineais para Radioteraia, e un TAC de planificación para Medicina Nuclear, que incorporará tamén unha gammacámara xa licitada e pendente de adxudicación

A obra do novo hospital Montecelo recibirá case 64 millóns de euros nos orzamentos para 2023, tal e como salientou o conselleiro, que engadiu a intención da Xunta de “ter listo o máximo equipamento dispoñible para poñer a andar esta nova infraestrutura hospitalaria en canto remate a obra”.

Fondos europeos para a renovación de equipos en toda Galicia

O conselleiro de Sanidade salientou tamén na súa visita que tanto os fondos europeos REACT como os Next Generation, permitiron, en 2021 e 2022, respectivamente, a adquisición e renovación de novo equipamento sanitario de última xeración en toda Galicia.

“Cos fondos REACT financiamos os máis de 60 millóns destinados a renovación de equipamento sanitario nos orzamentos de 2021, que permitiron a adquisición de sete sistemas cirúrxicos robotizados Da Vinci, equipos de última xeración instalados nos hospitais de cabeceira das sete áreas sanitarias. Un tamén para o Complexo Hospitalario de Pontevedra”, dixo Comesaña, quen engadiu que tamén os fondos permitiron a renovación dos equipos radiocirúrxicos e os ecógrafos dos servizos de urxencias e radiodiagnóstico de toda a rede hospitalaria galega. “En particular, o hospital de Pontevedra instalou 2 novos equipos radiocirúrxicos e 6 ecógrafos”, apuntou.

Pola súa banda, os fondos Next Generation para renovación de alta tecnoloxía sanitaria permitiron en 2022 licitar contratos por máis de 68 millóns de euros para a renovación de 76 equipos, coa aportación de fondos propios da Xunta. Ademáis, proxecto de orzamentos para 2023 contempla unha partida de 50 millóns de euros que permite afrontar os pagos das anualidades dos contratos asinados e incorporar eses fondos extra da Xunta.

Imaxes relacionadas