A Xunta destaca en Verín o potencial da actividade económica no rural como oportunidade de negocio para os emprendedores

O director do Igape, Fernando Guldrís, acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, participa no II Foro Think Tank, onde pon en valor as oportunidades e alternativas para innovar e competir no rural e impulsar “unha industria máis innovadora, forte e adaptada ás demandas actuais”


 Salienta que o Conecta Ourense, no que se enmarca a xornada de hoxe, busca converter a provincia “nun polo máis dinámico de innovación e dixitalización empresarial” a través de accións de difusión das posibilidades de apoio á innovación, ao crecemento, á internacionalización e á transformación dixital das empresas


Resalta que o programa Galicia Emprende Rural, destinado a apoiar a creación de emprego nas zonas rurais, leva mobilizados preto de 22,5 M€ en investimentos, que permiten impulsar a creación e mantemento de 500 empregos
 

Verín (Ourense), 9 de novembro de 2022

O director do Igape, Fernando Guldrís, acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, participou esta mañá no II Foro Think Tank levado a cabo no marco do Conecta Ourense, un escenario no que destacou o potencial da actividade económica no rural como oportunidade de negocio para os emprendedores.

 

Durante o encontro, que se levou a cabo baixo o lema Experiencias e oportunidades para que as empresas e entidades do rural sexan máis innovadoras, competitivas e rendibles, Guldrís puxo en valor as oportunidades e alternativas que pode ofrecer o rural para innovar e competir de cara a impulsar “unha industria máis innovadora, forte e adaptada ás demandas actuais”.

 

Un marco no que, como explicou, o Conecta Ourense, impulsado en colaboración coa Confederación Empresarial de Ourense (CEO), busca actuar como panca para converter a provincia “nun polo máis dinámico de innovación e dixitalización empresarial” a través de accións de difusión das posibilidades de apoio á innovación, ao crecemento, á internacionalización e á transformación dixital das empresas.

 

Neste contexto, o director do Igape salientou algunha das iniciativas activadas desde a Xunta para fomentar e promover a creación e consolidación das empresas no rural. Entre estas, resaltou o programa Galicia Emprende Rural, destinado a apoiar a creación de emprego nas zonas rurais mediante axudas á primeira implantación de actividades económicas non agrarias viables.

 

“A través desta liña levamos destinado xa máis de 13,5 millóns de euros para apoiar preto de 250 novas iniciativas empresariais”, salientou Guldrís, quen engadiu que a través das catro edicións do programa mobilizáronse preto de 22,5 M€ en investimentos, que permiten impulsar a creación e mantemento de 500 empregos.

 

Así mesmo, o director do Igape fixo referencia tamén á rede de espazos coworking impulsada pola Xunta, que este ano sumou tres novos espazos na provincia -na Mancomunidade do Carballiño, en Valdeorras e na Tecnópole- que achegan aos emprendedores ourensáns distintas actividades e asesoramento para aumentar as probabilidades de éxito de proxectos innovadores en fases temperás de desenvolvemento.

 

“Unha iniciativa da que temos motivos para poñer en valor os resultados obtidos, xa que ao longo das cinco primeiras edicións do programa, pasaron polo mesmo preto de 900 emprendedores, desenvolvéndose máis de 700 proxectos empresariais, con preto de 400 empresas creadas, e máis de 600 empregos”, salientou Guldrís, quen indicou que na provincia os espazos permitiron crear, antes da última edición, 89 empresas e 122 postos de traballo.

Imaxes relacionadas