O Concello de Coristanco trasládalle á Xunta o seu interese en adherirse á Rede de Concellos Emprendedores de Galicia

O delegado da Xunta na Coruña e o secretario xeral técnico da Consellería de Economía, Industria e Innovación explicaron os beneficios da nova Lei de áreas empresariais

Coristanco (A Coruña), 9 de novembro de 2022  O Municipio de Coristanco amosou o seu interese en adherirse á rede de Concellos Emprendedores da Xunta. Así llo trasladou o seu rexedor, Juan Carlos Garcia, ao delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o secretario xeral técnico da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, Pablo Casal, na reunión que mantiveron para abordar cuestións importantes para esta localidade, entre a que tamén se atopa a posta en marcha do novo polígono industrial neste municipio.

A Rede de Concellos Emprendedores de Galicia que ten como principal obxectivo trasladar confianza e seguridade xurídica ao tecido económico e, neste sentido, fíxase un prazo de tres meses para a emisión de informes por parte da Xunta, e amplíanse os supostos para ser iniciativas empresariais prioritarias.

Trenor recalcou que nestes momentos na provincia da Coruña hai 45 concellos emprendendores e puntualizou que coa nova Lei de áreas empresariais de Galicia refórzase e elévase a rango de lei a figura dos Concellos Emprendedores.

Por unha banda, a Xunta outorga prioridade aos Concellos Emprendedores nas ordes de axuda que se convocan en réxime de concorrencia competitiva para impulsar o emprego, o comercio local ou aqueles proxectos relacionados coa industria. Farase a través dun criterio de valoración específico que no baremo de puntuación supoña, polo menos, o 20 % do total a favor das actuacións realizadas por concellos emprendedores.
 
Por outra, co obxectivo de favorecer a implantación e o desenvolvemento de iniciativas empresariais nos concellos emprendedores, nas convocatorias de subvencións dirixidas a empresas, autónomos ou entidades sen ánimo de lucro en réxime de concorrencia competitiva, puntuarase que se pretendan implantar ou se desenvolvan nun Concello Emprendedor, incorporando nas bases da convocatoria un criterio de valoración específico que no baremo de puntuación supoña entre o 5 % e o 10 % do total.
 

Nova Lei de áreas empresariais

No encontro tamén se abordaron os avances que supón a  nova Lei de áreas empresariais de Galicia, pioneira a nivel estatal, que permite axilizar, simplificar e flexibilizar a planificación e creación de solo industrial. Esta nova normativa entra en vigor mañá xoves, 10 de novembro.

Este documento ten como obxectivo asentar futuro dotando a Galicia de espazos empresariais competitivos, funcionais e totalmente equipados, garantindo o equilibrio entre o uso sustentable do territorio e a actividade económica.
 

Imaxes relacionadas