As Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago Pulchra Leonina, de León, e Círculo Chileno comparten o premio Elías Valiña

O galardón, dotado con 15.000€, recoñece o esforzo revitalizador e promocional das Rutas Xacobeas feito por estas entidades sen ánimo de lucro

 

Na resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia tamén se fai unha mención especial a Rebekah Scott, figura destacada entre os peregrinos de fala inglesa


 Nas dúas últimas edicións premiouse a entidades do Camiño de Almería, Pirineos, Ávila e Hungría, así como a Antolín de Cela, promotor de varios proxectos no Bierzo e, a título póstumo, ao médico, antropólogo e académico galego José Carro Otero
 

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2023

As asociacións de amigos do Camiño de Santiago Pulchra Leonina, de León, e Círculo Chileno compartirán o Premio Elías Valiña 2022. Ademais, Rebekah Scott, figura destacada entre os peregrinos de fala inglesa, recibe unha mención especial. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución deste galardón dotado con 15.000€ que recoñece o esforzo revitalizador e promocional das Rutas Xacobeas feito por estas entidades se ánimo de lucro.

 

Na asociación de amigos do Camiño de Santiago de León Pulchra Leonina tívose en conta a súa traxectoria de máis de case 30 anos e o seu labor no ámbito do Camiño Francés desde Sahagún a Hospital de Órbigo. Trátase dunha entidade que naceu cun marcado espírito xacobeo e enfocada a acollida do peregrino que na actualidade conta con case 600 socios e unha intensa programación que inclúe desde accións de limpeza, sinalización ou plantacións ata xornadas, ciclos ou actividades dirixidas á sociedade leonesa ou a colectivos como asociacións e centros educativos.

 

No caso do Círculo Chileno de Amigos do Camiño de Santiago, pola súa banda, o xurado tivo en conta a importancia desta entidade creada no ano 2016 para transmitir as súas experiencias, sendo a primeira non constituída por inmigrantes galegos. O seu traballo céntrase en divulgar a experiencia xacobea e os seu valores entre a sociedade e entre as actividades que impulsan destaca a convocatoria do concurso internacional 100 caminos 100 relatos, historias breves a Santiago, o asesoramento en materia de seguridade, a investigación, a documentación, o fomento do coñecemento do Camiño, a organización de congresos ou a creación dunha oficina de acollida de peregrinos.

 

Ademais destes recoñecementos, na convocatoria deste ano tamén se inclúe unha mención especial a Rebekah Scott, que tras unha destacada carreira no xornalismo en Estados Unidos trasladouse a Palencia para traballar en beneficio da Ruta Xacobea e dos peregrinos. Para iso, rehabilitou xunto co seu marido unha casa no Camiño Francés na que reciben diariamente a todo tipo de peregrinos. É tamén cofundadora da Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago, colaboradora da Cofraternity de Saint James e unha referencia entre os peregrinos de fala inglesa.

Premios con máis de 20 anos

Os Premios Elías Valiña, con máis de 20 anos de existencia, están dirixidos a distinguir o labor revitalizador dos valores do Camiño de Santiago. En concreto, o xurado do certame, composto por membros da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e por investigadores en materia xacobea, entre outros, valora as candidaturas presentadas en función de catro criterios.

 

O primeiro deles son as intervencións encamiñadas á protección do patrimonio no que se teñen en conta o número de actuacións e os lugares onde son realizadas. O segundo puntúa os traballos de investigación, documentación e fomento do Camiño e do fenómeno xacobeo. O terceiro criterio fai referencia ás accións de sensibilización e fomento do asociacionismo e o último deles valora as accións encamiñadas a potenciar valores propios do Camiño na súa dimensión espiritual, solidaria e social.

 

Na última edición, celebrada o ano pasado, entregáronse os recoñecementos dos anos 2020 2021, que recaeron nas asociacións de amigos do Camiño en Almería, Pirineos, Ávila e Hungría, galardoados polo seu esforzo para manter a esencia da Ruta Xacobea.

 

Ademais, distinguiuse tamén a Antolín de Cela Pérez, cuxo labor como promotor de numerosos proxectos culturais e sociais no Bierzo ten servido para recuperar e restaurar o patrimonio relixioso xacobeo. E, a título póstumo, ao médico, antropólogo, docente e académico galego José Carro Otero, polo seu traballo a favor da investigación e divulgación mediante unha perspectiva científica e humanista integral.