A Xunta detecta catro novos casos de gripe aviaria en mascatos localizados en Galicia

Os novos casos positivos corresponden a catro exemplares recollidos nos concellos de Carnota, Foz, Viveiro e Oia, que foron trasladados aos respectivos Centros de Recuperación de Fauna Silvestre provinciais
 

A detección realizouse no marco do Plan de vixilancia da influenza aviaria que desenvolve o Goberno galego

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2022 A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de catro novos casos de influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP) en aves silvestres, confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid). Con estes son xa 21 os casos notificados en Galicia, todos eles en mascatos, no marco do Plan de vixilancia da influenza aviaria que desenvolve a Xunta de Galicia.

 

Trátase de catro novos individuos desta especie (mascato, alcatraz común ou atlántico, Morus bassanus) recollidos na praia coruñesa de Carnota e na de Llas, do concello lucense de Foz; así como na estrada LU-862 do tamén lucense municipio de Viveiro e en Viladesuso, na localidade pontevedresa de Oia. Agás o exemplar recollido en Foz, que foi atopado enfermo, os outros tres exemplares foron achados mortos. Todas as aves foron trasladadas aos respectivos Centros de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros (A Coruña), O Veral (no concello de Lugo) e Carballedo (no Concello de Cerdedo-Cotobade, en Pontevedra), seguindo o protocolo establecido entre a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Tras a toma de mostras, o animal enfermo foi eutanasiado e os cadáveres foron eliminados conforme á normativa vixente.

 

O mascato é unha ave mariña que nidifica no Atlántico norte, formando colonias de varios miles de parellas, e das que moitos exemplares mozos migran cara ao sur e acadan augas subtropicais ou tropicais no oeste de África. Polo tanto, nestes momentos, estas aves están atravesando as costas da Península Ibérica no comezo do seu paso migratorio post-nupcial (para invernar) cara a Mauritania e o Golfo de Guinea.

 

Os exemplares desta especie son de hábitos exclusivamente mariños e non se aproximan en condicións normais á costa, porén a Consellería do Medio Rural recorda a necesidade de reforzar as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, sexan comerciais ou particulares, especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como de intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres.

 

Nas súas zonas habituais de residencia no Atlántico norte, as autoridades veterinarias veñen notificando nos últimos meses numerosos casos de IAAP nesta especie, posible orixe dos casos detectados agora en Galicia, relacionados coa migración anual destas aves cara ao sur. É esperable, polo tanto, que poida continuar durante algún tempo aínda un goteo na detección en Galicia de exemplares de mascato positivos á IAAP nesta época do ano, coincidente co citado período migratorio, sen que isto signifique un aumento no nivel de risco para a avicultura da nosa comunidade.

 

Aínda que o virus circulante non ten capacidade significativa de infección nas persoas, recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e notificar o feito aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

 
Por último, cómpre sinalar que durante o presente ano 2022, un total de 12 das 17 comunidades autónomas do Estado notificaron algún caso de gripe aviaria en aves silvestres, das que o mascato é a especie de máis frecuente detección nos últimos meses, con casos notificados, ademais de en Galicia, nas comunidades do litoral cantábrico ou atlántico, como Asturias, Cantabria, País Vasco e Andalucía.