A Xunta e o Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar avanzan en actuacións conxuntas destinadas ao fomento da práctica deportiva

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo hoxe unha reunión con representantes da entidade

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2022 O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo esta mañá unha reunión con representantes do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar para avanzar na colaboración entre a Xunta e a organización en actuacións destinadas ao fomento da práctica deportiva.  

Por parte do Clúster participaron no encontro a campioa olímpica de vela na categoría Elliot 6 metros nos Xogos Olímpicos de Londres de 2012, Sofía Toro, no seu cargo como xerente do organismo, xunto co presidente da entidade, José Amado.  

O Goberno galego mantén o seu compromiso con este colectivo creado o ano pasado co obxectivo de situar ao deporte galego nunha posición de liderado e que conta con 60 empresas asociadas. Xa no seu primeiro ano en funcionamento a Xunta apoiou ao Clúster cunha achega de 100.000 euros.  

A Administración autonómica e o Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar continuarán esta liña de colaboración con dous obxectivos: por unha parte, promover a práctica deportiva entre os colectivos con maior taxa de abandono do deporte -por exemplo, nenas e adolescentes a partir dos 14 anos ou persoas maiores- e, por outra parte, crear un grupo traballo que participe no deseño dun plan máis global encamiñado ao fomento da actividade física en todas as franxas de idade.

 

 

Imaxes relacionadas