A Xunta garante o exercicio da liberdade relixiosa na sanidade pública a través dun acordo co Consello Evanxélico

O Servizo Galego de Saúde posibilita así, o desenvolvemento de funcións de culto e asistencia da prestación evanxélica aos pacientes ingresados na rede hospitalaria pública galega

O departamento sanitario da Xunta de Galicia está a traballar nun novo decreto de sanidade mortuoria, para a realización de ritos funerarios segundo outras confesións

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; e o secretario executivo do Consello Evanxélico de Galicia, Germán Collazo Fernández; asinaron esta mañá un convenio de colaboración para posibilitar o desenvolvemento de funcións de culto e asistencia da prestación relixiosa aos pacientes que profesen a relixión evanxélica nos hospitais do Servizo Galego de Saúde.

Con este acordo, a Xunta continúa garantindo o exercicio da liberdade relixiosa na rede sanitaria pública galega e, os pacientes do Sergas que profesen a relixión evanxélica, terán a súa disposición espazos habilitados para este este tipo de asistencia, tal e como acontece coa relixión católica.

No acto, tamén estiveron presentes o secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes Losada; e o Presidente do CEG, Juan Martínez Lagos.

Nesta liña, o departamento sanitario público galego está a traballar nun novo decreto de sanidade mortuoria, para a realización de ritos funerarios segundo outras confesións, como poden ser a musulmá ou a xudía.

Imaxes relacionadas