A Xunta impulsa 19 proxectos de mellora de parques empresariais da provincia da Coruña que mobilizan 2 M€

A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, visitou esta mañá as obras de mellora de viais no polígono Camporrapado de Boqueixón, que é concello emprendedor

Boqueixón (A Coruña), 8 de novembro de 2022 A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, visitou esta mañá o parque empresarial Camporrapado de Boqueixón con motivo da actuación de mellora das infraestruturas viarias levada a cabo co apoio da Xunta de Galicia. En concreto, a Administración galega achegou 120.000 euros (o 80%) para un proxecto no que se investiron 150.000 euros.

 

Paula Uría explicou que o de Boqueixón foi un dos 42 proxectos apoiados en Galicia para a mellora de infraestruturas en parques empresariais. En concreto, na provincia da Coruña concedéronse 19 axudas a concellos emprendedores -como Boqueixón- que supuxeron un investimento total de 2M€.

 

A actuación enmárcase no obxectivo da Xunta de mellorar e crear novas infraestruturas sostibles nas áreas industriais e impulsar a atracción de novos investimentos. Así, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación ofrece axudas tanto para este tipo de actuacións como para ampliar a rede de viveiros industriais e reforzar as infraestruturas enerxéticas. Tal e como avanzou a secretaria xeral, estes apoios contarán cun orzamento de 6,1M€ en 2023.

 

Para a vindeira convocatoria destinada á mellora de infraestruturas, que se está a tramitar de xeito anticipado para poder activar estas axudas e poñelas á disposición dos concellos a primeiros de ano, apoiaranse plantas de depuración de augas, proxectos de xestión de residuos, infraestruturas viarias interiores, instalacións de sistemas de seguridade, vixilancia e contraincendios, así como servizos centralizados de subministración de gas e/ou hidroxeno renovable, e obterán un 11% máis de puntuación aqueles proxectos que se implanten en concellos emprendedores.