A Consellería de Sanidade e a Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue renovan o convenio de colaboración para a promoción da doazón

O Servizo Galego de Saúde e a Federación galega de Irmandades de Doadores de Sangue asinaron hoxe un novo acordo para seguir promovendo o xeneroso xesto da doazón de sangue

O Sergas realizará unha achega de 58.200 euros para levar a cabo este convenio de colaboración

Durante os meses de novembro e decembro, ADOS intensificará a súa actividade, co ánimo de acadar as reservas suficientes de cara as festas do Nadal
 

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na súa condición de presidente do Servizo Galego de Saúde e o presidente da Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue, Manuel Fonseca Gómez; asinaron esta mañá un novo convenio de colaboración para o desenvolvemento, por parte da Federación, do fomento da hemodoazón altruísta en Galicia con todos os medios que dispoñan, en coordinación co Servizo Galego de Saúde, a través da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS).

 

Mediante a sinatura deste convenio, formalízase o marco xeral de colaboración conxunta entre as dúas entidades, que ten como obxectivo fortalecer unha conciencia social proclive á doazón de sangue, respectando os principios de universalidade, anonimato, voluntariedade e gratuidade.

 

Pola súa banda, o Servizo Galego de Saúde achegará 58.200 euros para o cumprimento deste convenio, que estará vixente ata o 31 de decembro deste ano.

 

O acto, que tivo lugar no Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade, contou coa presenza do Secretario Xeral Técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes Losada; da directora de ADOS, Marisa López García; e dos membros da Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue.

 

No mesmo, a responsable da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, avanzou que durante os meses de novembro e decembro, ADOS intensificará a súa actividade, co ánimo de acadar as reservas suficientes de cara as festas do Nadal, onde adoita precisarse unha maior cantidade de sangue.

 
 

Liñas de colaboración

Segundo o acordo asinado hoxe, a Federación cumprirá as directrices e instrucións de coordinación e programación establecidas polo Servizo Galego de Saúde; fomentará a doazón de sangue por toda a xeografía galega a través de distintos medios como charlas, carteis, trípticos, etc. Así mesmo, informará aos cidadáns da importancia de colaborar de xeito solidario na cobertura das necesidades de sangue e hemoderivados dos hospitais galegos.

 

Marisa López salientou a implicación e solidariedade do conxunto da cidadanía, o que permitiu acadar este ano a cifra de tres millóns de doazóns dende os inicios da Axencia, en 1993.

 

A Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue agrupa ás distintas Irmandades Galegas que teñen como fin a promoción da hemodoazón en Galicia, baixo a coordinación de ADOS. Con este obxectivo, participan en campañas de radio e televisión, reparten trípticos e carteis, percorren concellos contactando de maneira directa coa cidadanía e atenden todos os requirimentos dos doantes nas súas oficinas, tanto de xeito persoal como por teléfono.